A necesidade de comprar máis terreos retrasa a reforma do campo de fútbol de Bamio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A reforma do campo de fútbol de Bamio sufrirá un novo retraso debido á imprevisión do anterior goberno: a intención inicial de que puidera ser tamén utilizado para a práctica do rugby só se podería materializar se as dimensións eran maiores. O goberno de PP-Ivil deixou aberto o procedemento para actuar sobre aproximadamente 600 metros cadrados máis, con un presuposto de pouco máis de 90.000 euros- pero non pechou a compra deses terreos, de xeito que hoxe mesmo o novo goberno, que dirixe Alberto Varela, atopouse cunha paradoxa: por unha banda, a mesa de contratación propuxo a adxudicación desa segunda fase das obras á empresa Marconsa por valor de 90.357 euros, pero, pola outra, tampouco pode permitir o comezo das actuacións adxudicadas porque os terreos aínda non son municipais.

O goberno local quere iniciar canto antes os contactos cos propietarios deses terreos, a fin de que o proxecto do campo de Bamio, que leva xa moitos meses de retraso –no seu día xa provocou unha queixa do propio presidente da Deputación-, non se eternice. En calquera caso, esa adquisición suporá un novo desembolso de diñeiro público, que se sumará aos 90.000 euros adxudicados hoxe e aos case 385.000 nos que se valoraron as obras da primeira fase.

“Chapuza” e electoralismo

Claro que non será o único investimento que haberá que realizar para completar o proxecto inicial, o que para o goberno local é un síntoma máis do nivel de “chapuza” que rodeou a esta obra dende o principio e unha demostración de que si había electoralismo no xeito en que se fixeron as cousas: a segunda fase, adxudicada hoxe, prevé o derrubo dos aseos públicos xa existentes na instalación –en realidade, xa están derrubados en parte-, sen que nin na primeira nin na segunda fase se previra levantar outros novos. En consecuencia, unha obra de case 500.000 euros, cuxo proxecto foi encargado a unha firma da Coruña supostamente especializada en instalacións deportivas, carece de servizos públicos. Para remedialo, o goberno local busca xa remanentes doutras adxudicacións cos que se poidan levantar de novo eses aseos.

O equipo de Alberto Varela comprende o malestar xerado entre os veciños de Bamio e especialmente entre os deportistas, xa que, entre outras cousas, non poderán dispoñer do campo para cando comece a nova tempada. De todos os xeitos, confía en que os propietarios mostren a mellor disposición para chegar a un acordo sobre o prezo dos terreos a vender ao Concello a fin de que, canto antes, se poidan executar as obras. Os concelleiros de Urbanismo e de Obras e Servizos, Paola María e Lino Mouriño, xa mantiveron unha reunión coa directiva do CF Bamio, que á súa vez lles facilitou unha listaxe dos propietarios.

30 de xuño de 2015 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.