A Marea e Compostela Aberta mostran unha política laica rexeitando acudir á ofrenda ao Santísimo Sacramento
Os futuros alcaldes da Coruña e Santiago de Compostela, Xulio Ferreiro, da Marea Atlántica, e Martiño Noriega, de Compostela Aberta, escenificaron “unha política laica” declinando asistir á ofrenda do Santísimo Sacramento deste domingo en Lugo. Martiño Noriega fíxoo a través dun artigo publicado nun xornal dixital no que ratifica que Compostela Aberta impulsará, no Concello de Santiago, “un cambio substancial” nas normas de participación dos edís de goberno nos actos relixiosos.
En concreto, apela á defensa “dunha institución laica para Santiago” que a formación fixo durante a campaña electoral. “Unha posición que parte da crenza da liberdade relixiosa de calquera cargo público e tamén da crenza de que o espazo do relixioso non debe atoparse nos actos institucionais participados polas administracións públicas que representan a todos e todas”.
Por iso, adianta a vontade do grupo municipal de Compostela Aberta de non participar na Ofrenda de Galicia ao Santísimo Sacramento, declinando o convite para o futuro alcalde de Santiago da Diocese de Lugo a participar no acto que terá lugar na Catedral desta cidade este domingo.
Con todo, avanzan que comunicarán esta decisión “co máximo respecto pola cidade de Lugo e por esta ofrenda e a súa tradición”. “Pero tamén desde o máximo respecto ao programa electoral con que a candidatura de unidade popular se presentou ás eleccións”, engaden.
“CASO POR CASO”
A pesar de todo, por parte de Compostela Aberta resáltase “a necesidade de diálogo” con estamentos como a Igrexa, ademais da Universidade, a Xunta e o Estado.
Na mesma liña, fontes de Compostela Aberta consultadas, sinalaron que se estudará “caso por caso”, ao ser preguntados se o mesmo criterio, para o acto deste domingo, se manterá para os actos da Ofrenda a Santiago Apóstolo.
“En principio haberá unha liña xeral de actuación, pero, no seu momento, estudaremos caso por caso”, sentenciaron. Con todo, recalcaron a necesidade de “separar” a institución civil da relixiosa, aínda que mantendo abertos “canles de diálogo”.
RESPECTO POR “CALQUERA TIPO DE CREDO”
Nos mesmos termos, pronunciáronse desde a Marea Atlántica, ao ser preguntados pola Ofrenda do Santiago Apóstolo pola que se celebra na cidade herculina á Virxe do Rosario. “Temos que estudalo caso a caso”, coinciden.
Con todo, nun comunicado, defenden a “laicidade institucional” e avanzou que non participará na Ofrenda do Antigo Reino ao Santísimo Sacramento en Lugo.
Nel, o seu cabeza de lista, Xulio Ferreiro, remarca o seu respecto “por calquera tipo de credo, como o católico, e por suposto as boas relacións entre as cidades da Coruña e Lugo”.
No entanto, lembra que o programa electoral da Marea incluía o compromiso “de respectar a laicidade da institución municipal, de acordo ao principio de neutralidade relixiosa”.
“O Concello da Coruña, como administración pública, e os cargos da Marea, como representantes públicos da cidadanía, axustarán a súa práctica ao principio de neutralidade ideolóxica e relixiosa, garantindo a súa independencia e a efectiva aplicación do principio do laicismo”, conclúe.











