A Mancomunidade Serra do Barbanza investirá 120.000 euros na reposición de 686 colectores
A Mancomunidade Serra do Barbanza vai investir un total de 119.962 euros na renovación do seu parque de colectores para o servizo de recollida selectiva de residuos sólidos urbanos. Un investimento que será posible grazas á consecución dunha axuda de 89.972 euros da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, que a través do Fondo de Compensación Ambiental permitirá financiar o 75% do investimento.
A presidenta da Mancomunidade Serra do Barbanza, Teresa Villaverde, agradece a extraordinaria colaboración da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, “que nos concedeu a axuda máxima posible para este proxecto a través do Fondo de Compensación Ambiental”. De feito, ao investimento máximo subvencionable era de 120.000 euros.
Unha achega que permitirá a adquisición de 686 colectores de lixo para todos os municipios que forman parte da Mancomunidade. “Estes novos colectores permitirán substituír aos que presentan deficiencias e permitirán que os Concellos cumpramos o compromiso de repoñer os colectores deteriorados aos dez anos do acordo coa empresa que xestiona a planta de Servia”, explica Teresa Villaverde. Agárdase que a licitación da adquisición destes 686 colectores teña lugar durante a próxima semana.











