A Laracha será unha das tres entidades locais que abrirá o portal de interoperatividade PasaXe!
O Concello da Laracha foi escollido pola Xunta de Galicia como unha das tres primeiras entidades locais (xunto ao Concello de Abegondo e á Deputación Provincial da Coruña) que participarán no programa piloto de apertura do Portal de Interoperatividade da plataforma PasaXe!, que ten por obxectivo simplificar aos cidadáns a realización dos trámites ao evitar que teñan que achegar os mesmos documentos á Administración autonómica e á local.
Persoal técnico e administrativos municipais participaron nesta semana nunha sesión formativa celebrada na Deputación Provincial da Coruña na que puideron coñecer o contido, modo de acceso e uso da citada plataforma que, segundo os datos da Xunta de Galicia, evitou a petición de 130.000 documentos a cidadáns que realizaron consultas nos primeiros catro meses do ano.
Entre os trinta tipos de documentos que PasaXe! permite consultar directamente salientan o DNI, certificados de nacemento, matrimonio, dependencia ou defunción, alta na Seguridade Social, datos catastrais e títulos universitarios.
A Xunta de Galicia está a deseñar as directrices para o intercambio de datos que potenciará a incorporación de novos servizos da Administración autonómica á plataforma. Neste programa piloto no que participa o Concello da Laracha, a primeira sección á que terá acceso dentro deste portal de Interoperatividade é a de reclamacións, queixas e suxestións.
Segundo se anunciou desde o goberno autonómico o obxectivo é alcanzar no ano 2016 a cifra de un millón de consultas, o que suporía, ademais da simplificación dos trámites para os cidadáns, un aforro para a Administracións superior aos cinco millóns de euros.











