A Laracha oferta prazas para voluntarios nos campos de traballo internacionais deste verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Trala excelente experiencia do pasado verán, o Concello da Laracha organizará neste ano outros dous campos de traballo internacionais en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. A iniciativa ten por finalidade a posta en valor do entorno ambiental e a riqueza etnográfica e patrimonial de dúas concas fluviais do termo municipal.

O primeiro deses campos de traballo realizarase do 15 ao 24 de xullo e terá como punto de referencia a conca do Bradoso, que discorre pola parroquia de Montemaior. O segundo realizarase do 27 de xullo ao 5 de agosto no río Acheiro, afectando por tanto a territorio das parroquias de Golmar e de Vilaño. 

A labor que se encomendará aos participantes será a limpeza e acondicionamento dos entornos dos ríos, así como a sinalización de roteiros para realizar a pé ao longo do cales existen os restos de numerosos muíños de auga. Todo o proceso será documentado con información e material audiovisual. 

O traballo específico na conca dos ríos realizarase polas mañás. Durante as tardes, os voluntarios realizarán outra serie de actividades de tipo educativo, didáctico e cultural que tamén lles permitirá coñecer o termo municipal da Laracha, a súa historia e tradición. Durante a súa estancia aloxaranse nas instalacións do centro sociocultural de Santa Margarida (antigo hospital dos peregrinos de Montemaior). A organización asumirá ao completo os custes da manutención dos participantes e das actividades culturais que realicen.

Para cada un dos campos de traballo hai convocadas quince prazas (trinta en total) que aínda non están cubertas. As persoas interesadas, sexan ou non residentes en Galicia, poden formalizar a súa inscrición directamente a través da web xuventude.xunta.es.

 

 

5 de xuño de 2015 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.