publicidade hoxe

A Laracha e Arteixo organizarán un obradoiro de emprego xuvenil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaArteixo
A-
A+

Os gobernos locais dos Concellos da Laracha e de Arteixo volven a unirse e a colaborar para promover e desenvolver conxuntamente iniciativas dirixidas a combater o desemprego ofrecendo aos veciños de ambos municipios posibilidades de formarse en diferentes sectores profesionais e, deste xeito, mellorar a súa empregabilidade e aumentar as súas opcións de integración no mercado laboral.

O próximo programa que se vai realizar será o obradoiro de emprego A Laracha-Arteixo: pola capacitación xuvenil 2015-2016, un proxecto dirixido a mozos de entre 18 e 25 anos de idade e que será cofinanciado pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia a través do Fondo Social Europeo cunha achega económica que ascende aos 173.045,98 euros.

Nos próximos días representantes de ambos gobernos locais e persoal técnico municipal manterán unha reunión na que, en base a contía da subvención concedida, consensuarán o contido exacto do programa, a distribución dos dezanove alumnos en cada especialidade, as actuación, obras e servizos que se van levar a cabo e as funcións exactas que se encomendarán ao persoal directivo, docente e auxiliar. 

O que xa pode adiantarse é que as especialidades estarán relacionadas, por unha parte, cos servizos administrativos e, por outra banda, con actividades en centros de xardinería e viveiros, constando cada módulo dunha etapa formativa con alternancia laboral. O obradoiro de emprego A Laracha-Arteixo: pola capacitación xuvenil 2015-2016 terá unha duración de seis meses e comezará antes de que finalice o ano actual.

Os mozos que desexen optar a ser uns dos dezanove alumnos-traballadores deben ter entre 18 e 25 anos, atoparse en situación de desemprego e estar inscritos no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil.

27 de xuño de 2015 | 13:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.