A III Gala Benéfica contra o Cancro de Ourense contará coa actuación de Guadi Galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseOurense
A-
A+

Tralo éxito da primeira e a segunda edición, no que este evento tivo unha excelente acollida enchendo o Auditorio ourensán e onde se recadaron preto de 7.000 € para a Asociación Española contra o cancro, a Gala Benéfica contra o Cancro volve celebrarse como antesala do Nadal. Na primeira edición, o público gozou coas actuacións de Susana Seivane, Lucía Pérez, Daniel Minimalia e Emilio Rúa xunto con Grupo Sonos, Castro Floxo e o Grupo de Danza Fusión Alilat. Na segunda edición, os asistentes gozaron da música de Rosa Cedrón, Luís Emilio Batallán, Gustavo Almeida e o baile de Feel that Crew e Meigas Tribal. Nesta terceira edición, Rubén Riós volverá ser o mestre de cerimonias, pero teremos que esperar a saber quen lle acompañará no escenario (tras Isabel Branco e Isabel Risco nas anteriores edicións).

Desde a Organización, xa anunciaron unha das artistas que integrarán o cartel deste ano: Guadi Galego. Tras presentar o seu novo traballo “Lúas de outubro e agosto” co seu éxito Matriarcas, un canto á muller e ás liberdades de xénero, a artista volverá visitar a cidade auriense para participar nesta gala solidaria. Á súa vez, haberá máis actuacións musicais, danza e por suposto humor. A recadación total da gala irá destinada integramente á Asociación Española contra o Cancro. En palabras do organizador David Rodríguez, presidente da Asociación Cultural Xuvenil As Canellas: “canta máis persoas, máis vida”.

12 de xuño de 2015 | 12:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.