A II Velada MMA Superfight Galicia ofrecerá en Vigo doce combates, exhibicións de kick boxing e full contact
A II Velada MMA Superfight Galicia, que se desenvolverá o vindeiro venres no Auditorio Mar de Vigo, reunirá algúns dos mellores loitadores de Galicia, España e Portugal, segundo anunciou onte a organización do evento. A velada incluirá un total de 12 combates, dos que catro serán profesionais e oito amateur. O público poderá gozar tamén de exhibicións de kick boxing e full contact, ademais contarán coa participación de Roberto Rodríguez, campión da liga española de MMA e recentemente proclamado o home máis forte de España no campionato disputado en Castelló.
Fabio Jordao, representante da organización, sinalou que se espera unha asistencia próxima ás 2.000 persoas. As entradas para o espectáculo poderán adquirirse en liña, a través da web oficial do evento, en doce puntos de venda operativos en Vigo e tamén nos despachos de billetes do Auditorio Mar de Vigo. O prezo será de 18 euros, ou de 22 euros con acceso libre á festa que se desenvolverá despois da velada nun coñecido local da zona de Samil .
Os loitadores animaron o público a participar no evento e reivindicaron a práctica deste deporte que mestura varias artes marciais e que comeza a estenderse nalgúns ximnasios da cidade.
Jordao agradeceu o apoio dos patrocinadores e tamén a loxística que proporcionou a Deputación de Pontevedra. O vindeiro xoves, a partir das 20:00 horas, terá lugar na sede viguesa da Deputación a pesada oficial dos loitadores, en presenza dos árbitros e directivos da Federación Galega deste deporte.











