A II Parada familiar de Xogos tradicionais celebrouse o sábado en Naraío

Unha das actividades realizadas
O encontro estivo organizado polo CPI coa colaboración da ANPA, do Concello de San Sadurniño e da A.VV. O Castelo, que aproveitou a ocasión para presentar o programa do XII Festival do Río Castro.
Participaron arredor dun cento de persoas entre pequenas e grandes, que puideron gozar durante toda a tarde dos divertimentos de toda a vida: tirafondas, tiro á corda, o peón, as bólas, o pano, o brilé, a chave, a rá, carreiras de sacos, os zancos, etc.
O rally de Narón -que pasaba moi preto-, o torneo de fútbol no campo municipal e outros eventos da comarca fixeron que a asistencia fose menor ca na primeira edición da parada. Con todo, desde a organización mostraron a súa satisfacción polo resultado e pola implicación das persoas que acudiron á cita, proposta como un encontro co xogo non competitivo pero tamén como unha xornada ao aire libre.
Malia haber moito onde entreterse, un dos momentos centrais da parada foi o obradoiro de enredos impartido por Xosé López e José Manuel García, autores dunha serie de libros sobre a materia. Os nenos e nenas aprenderon a facer foguetes e barquiños de xunco e loureiro que, unha vez construídos, se botaron a navegar nun remanso do río.
O remate da xornada serviu para coñecer os grupos que participarán o próximo 4 de xullo no Festival do Río Castro. O festival mantense fiel ao esquema dunha romaría ao pé do río chea de merendas e xogos durante a tarde pensados para un público familiar. Así, a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional coordinará actividades para os máis pequenos desde as 15.30h. e, a partir das 19.00h., tamén para os maiores.
Nas entremedias -ás 17.30h.- María Fumaça traerá ao campo da Bóla o seu espectáculo “Xiqui, Xoque”. Esa será a única novidade con respecto á edición anterior, posto que a asociación decidiu repetir o cartel musical cos mesmos grupos ca o ano pasado, cando a choiva estragou a festa por completo. Así, volverá subir ao escenario a nena María López, que aos seus 11 anos é toda unha virtuosa da gaita e a zanfona. Seguirana os grupos Vai Rañala Meu!, Taghaitaí Manila e O Sonoro Maxín.











