A Guarda acolle unhas conferencias sobre educación coa presenza de catedráticos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Guarda
A-
A+

Durante os meses de xullo, agosto e setembro, o Concello da Guarda acollerá unhas conferencias sobre educación baixo o nome “Diálogos en Educación”, que atraerá a decenas de mestres e mestras á vila.

Estas conferencias, que son das máis importantes deste sector a nivel galego, serán impartidas por diferentes catedráticos das universidades de Galicia no antigo Colexio Santiago Apóstol (Colexio PP. Xesuítas. A Pasaxe, Camposancos), xermolo finesecular das Universidades de Deusto e Comillas.

A primeira cita é o xoves día 2 de xullo. Nesta primeira ponencia, Concepción Sánchez Blanco, chegada da Universidade da Coruña falará sobre as “Infancias nómadas. Educando no dereito á mobilidade”.

Alfredo Campos García, da Universidade de Santiago de Compostela, dará a segunda conferencia o día 7 de xullo. Nesta ocasión Campos se centrará na “Importancia da memoria e as estratexias de aprendizaxe no ensino”. 

O xoves 23 de xullo a charla “De formar crentes a formar cidadáns: unha mirada crítica dende a pedagoxía” será impartida por Jurjo Torres Santomé, da Universidade da Coruña. Unha semana despois, chegado dende a Universidade de Vigo, Xosé Manuel Cid, falará sobre os “Mestres republicanos: o compromiso coa modernidade educativa”. 

Xa en agosto, o día 20, Antón Costa Rico, da Universidade de Santiago, falará ós presentes das “Luces e sombras na política educativa galega desde a transición democrática”. Sete días despois, Miguel Anxo Santos, da mesma universidade ca o anterior, falará sobre “Os concellos e a educación. Problema ou oportunidade”. 

As últimas conferencias terán lugar no mes de setembro. Así o día 3 Araceli Serantes Pazos, da Universidade da Coruña, impartirá a charla “A conciencia ambiental: unha necesidade social e un reto educativo”. 

Este ciclo de ponencias se pechará con Pedro Caselles Beltrán, traballador do Ministerio de Educación, que falará sobre a “Política e educación. Camiño de volta dun técnico do estado na transición democrática”. 

Este evento está organizado polo Concello da Guarda en colaboración co Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias de Educación da Universidade da Coruña, baixo a coordinación de Xosé M. Malheiro Gutiérrez.

Estas actividades divulgativas están concibidas como tertulias-coloquios informais en tempo de verán, pero rigorosa no que compete no motivo da mesma, que non é outro que abordar múltiples aspectos relacionados coa problemática educativa desde diversos ángulos, conducidas por diferentes expertos no ámbito universitario. 

Todas as conferencias comezarán ás 21 horas.

29 de xuño de 2015 | 13:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.