A Fundación Celta presenta a vixésima edición dos Campus de Verán

Presentación do campus
Esta mañá presentáronse oficialmente os Campus de Verán Fundación Celta de Vigo, en concreto os das sedes da Madroa e Melgaço, nunha rolda de prensa que tivo lugar no Decathlon de Vigo e que contou coa presenza de Germán Arteta, director da Fundación; Álex Abalde, coordinador das escolas e campus da Fundación; Javier Díaz, director de Decathlon na cidade olívica e Sergio Álvarez, porteiro do RC Celta.
No seu 20 aniversario os Campus de Verán ofrecen numerosas novidades, conservando unha liña metodolóxica na que priman a filosofía e valores da Fundación: traballo en equipo, disciplina, solidariedade, integración…
O campus da Madroa desenvolverase do 29 de xuño ao 1 de agosto en cinco quendas, cada un deles dunha semana de duración, unha oferta superior á de edicións anteriores nas que había opción a catro quendas. Entre as novas iniciativas desta sede destacan as piscinas nas que os mozos participantes poderán gozar dun refrescante mergullo grazas á colaboración de Decathlon.
“A primeira e segunda semana do campus da Madroa están completas”, informou Germán Arteta que lembrou que existen prezos especiais para abonados, membros da Fundación, clubs convidados, empresas colaboradoras e outros.
“Queremos dar a oportunidade a todos os nenos e nenas que participen nos campus a vivir a experiencia de adestrar como os xogadores do RC Celta”, asegurou Álex Abalde, coordinador dos campus, que ofreceu detalles sobre esta nova edición: sección de porteiros, área multideporte, fútbol con inglés, piscinas… “Os rapaces terán a oportunidade de adestrar no terreo de xogo de Balaídos e o sábado poderán convidar a pais, nais e amigos á Madroa para realizar unha sesión de actividades”, explicou Abalde.
Pola súa banda o canteirán e porteiro do primeiro equipo Sergio Álvarez destacou “a importancia dos Campus da Fundación”, unha actividade “que ilusiona aos rapaces e que para eles será inesquecible”. O cérbero celeste animou a todos os adultos a anotar aos máis pequenos da casa: “Teño un sobriño ao que lle vou a recomendar que se apunte porque sei que lle vai a facer moita ilusión. Hai que seguir apoiando o traballo da Fundación Celta, algo moi importante para o club”.
Toda a información sobre os Campus de Verán da Fundación Celta pode atoparse en www.fundacioncelta.com, escribindo a info@fundacioncelta.com ou no teléfono 986.213.676.











