A Festa do Viño Tinto de Barrantes repartiu 7.500 botellas de caldo entre uns 15.000 asistentes
Rematada a XLIII edición da Festa do Viño Tinto do Salnés, o Concello de Ribadumia, a Asociación de Viticultores e a comisión de festas fan as primeiras valoracións sobre a festa -este ano con altas temperaturas- e todas coinciden en describir como un éxito rotundo tanto na carpa coma nas actuacións que tiveron lugar os tres días na Carballeira de Barrantes. A afluencia de público durante os tres días de festa e a venta de viño tinto tipo Barrantes e de variedades autóctonas foron máis altas que anos anteriores. Desde o venres, e ata primeiras horas da madrugada do luns, máis de 15.000 persoas pasaron polo municipio, e no que respecta á venta de viño, despacháronse aproximadamente 7.500 botellas de caldos.
A alcaldesa Salomé Peña quere destacar “o éxito rotundo desta XLIII edición que atrae cada ano a máis xente a coñecer o noso municipio”. Por outro lado quere agradecer á Comisión de Festas, ó Comité de Catas, ós viticultores e ós voluntarios e persoas que traballaron “para que un ano máis, esta festa poida realizarse e atraia cada vez a máis xente ata o municipio”.
Aínda que o día de máis afluencia de público foi sen dúbida o domingo cos 3.000 participantes da IV BTTinto, a festa congregou máis xente repartida entre os tres días que durou esta XLIII edición.
No que respecta á BTTinto, tanto desde a organización como os propios participantes – a través de redes sociais ou valoración que se recolleron no propio día- coinciden en destacar o éxito desta edición pola calidade e atractivo do percorrido, porque está aberta a un público moi amplo grazas ás diferentes modalidades e tamén pola
organización do evento. A novidade deste ano coa modalidade trail tamén recibiu moi boa aceptación, tal e como comentaban os propios participantes. Polo tanto, a pesar das altas temperaturas que se presentaron na mañá do domingo, os participantes puideron disfrutar igualmente do deporte, das paisaxes e da gastronomía da nosa zona
Limpeza das rúas
Por outra banda, esta mesma mañá as rúas principais de Barrantes xa estaban abertas á circulación ao mesmo tempo que o servizo de limpeza municipal xa traballa no acondicionamento de todo o centro, limpando en profundidade as rúas e beirarrúas. A carpa que estivo instalada estes días de festa tamén se recolleu ao longo desta mañá.











