publicidade hoxe

A Festa do Pulpo do Carballiño inicia a súa andaina internacional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Carballiño
A-
A+
Presentación das postais

Presentación das postais

A concelleira de Turismo Pilar Caride presentou hoxe a nova iniciativa para difundir aínda máis a Festa do Pulpo. Con motivo da súa 53 edición a Concellaría de Turismo editou 600 tarxetas postais, que serán repartidas polos centros turísticos máis importantes de Galicia, para que dende alí cheguen os cinco continentes.

A postal foi deseñada polo artista carballiñés Xesús Carballido, autor tamén do cartel da Festa do Pulpo dende a pasada edición. Na mesa destaca o rabo de polbo e sobre este unha porción a modo de tallada, os símbolos da festa e, polo conseguinte, da vila do Carballiño.

Boa parte destas tarxetas postais serán remitidas ós centros galegos e carballiñeses espallados por todo o mundo, convidando a todos eses carballiñeses e galegos a que acudan a esta festa e , o memos tempo, achegándolles algo do Carballiño, da súa terra, alí onde estean. 

Pilar Caride lembraba que “a festa do Pulpo debe estar en continua progresión, e consideramos que a mellor forma de mostrala a todo o mundo era, entre outras cousas, facendo estas tarxetas postais”. A concelleira sinalaba que é moita a xente que colecciona este tipo de tarxetas, e que “en moitos casos, cando un viaxa a outros lugares, un dos recordos que máis se mercan son as tarxetas postais dese lugar, e nós da nosa Festa aínda non tiñamos ese recordo para que os visitantes poideran levar”. 

Por outra banda este tipo de accións publicitarias axudan a conseguir a declaración da festa como de interese turístico internacional, un proceso no que está traballando dende hai tempo o concello, unha vez que se conseguiu a de interese nacional hai uns tres anos. 

O artista responsable do deseño aseguraba que, pese a que se está a perder o costume, aínda a moita xente lle gusta de enviar este tipo de  tarxetas, mantendo o costume epistolar de antes. Por iso a edición destas postais permitirá enviar unhas letras aos amigos ou familiares que estean fóra, e ao mesmo tempo lembrarlles que cada segundo domingo de agosto teñen unha cita no Carballiño. 

Esta previsto tamén enviar parte destas tarxetas postais á Axencia do Turismo de Galicia, para que a poidan levar a cantas feiras do sector acudan, e a Festa do Pulpo esté sempre presente dentro do turismo galego. Así mesmo terán estas tarxetas na oficiña municipal de Turismo da Alameda, na Residencia de Tempo Libre e no camping Municipal.

12 de xuño de 2015 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.