A familia de Couso culpa ao Goberno do peche do caso
A familia, amigos e compañeiros do cámara de Tele 5 José Couso consideran ao Goberno do PP culpable da decisión do xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz de pechar para o seu posterior arquivo a causa na que investigaba a morte do cámara durante a invasión de Iraq e avisaron de que recorrerán a decisión porque “aquí non remata a batalla”.
Os achegados a Couso recoñeceron nun comunicado estar “desolados e indignados” pola decisión do xuíz, pero á vez están “decididos a non tirar a toalla” e recorrerán a decisión ata chegar, se é necesario, ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.
“O Goberno cambiou a lei para protexer os asasinos do meu irmán”, denunciou David Couso, irmán do reporteiro asasinado, quen censurou que se tratou “dun cambio de lei feito á carta para favorecer determinados criminais”, como os militares estadounidenses que estaban procesados pola morte de couso.
Segundo remarcou o irmán do cámara de televisión, o propio xuíz Pedraz di no seu auto que “queda constatado que existen suficientes indicios racionais de que os procesados serían autores dos delitos sinalados”, ante o que recoñeceu a súa “impotencia” ante a “impunidade” que provoca o cambio lexislativo.
O GOBERNO ATOU A XUSTIZA DE PÉS E MANS
Ao seu xuízo, con isto queda demostrado xudicialmente que José Couso “foi asasinado” e quen foron os seus asasinos. “E non obstante a Xustiza non pode actuar porque este Goberno a atou de pés e de mans -reprochou -. Hoxe volveuse demostrar que o cambio lexislativo que impulsou Rajoy foi unha operación destinada a permitir que determinados asasinos e delincuentes queden á marxe da lei”.
David Couso ten claro que ao xuíz Pedraz “lle obrigou a pechar o caso o Partido Popular coa súa antidemocrática reforma”, pero avisa de que se o Goberno cree que a familia, amigos e compañeiros do cámara vanse render “ante as súas sucias manobras”, están “moi equivocados”.











