publicidade hoxe

A familia da asasinada no CHUO considera moi grave a conduta da xuíza de Verín por non protexela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSucesosVerín
A-
A+
Europa Press

A familia de Isabel Fuentes, a muller asasinada no hospital de Ourense que se converteu na primeira vítima mortal por violencia de xénero de Galicia en 2015, considera “moi grave” a conduta da xuíza instrutora de Verín por non protexer a muller no hospital ante as advertencias de que podería ser agredida polo seu marido.

A avogada da familia, Beatriz Seijo, detallou que este luns presentou un escrito “xurídico pero básico” ante o Promotor da Acción Disciplinaria, figura de recente creación no Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), xa que considera “insjustificable” a actuación da xuíza instrutora e pide que se investigue e se sancione.

A letrada indicou que este trámite “non é cómodo” para a familia da falecida, pero que, a falta de “controis internos propios”, se ven “obrigados” a dar ese paso, pois nos autos e documentación relativos á actuación da xuíza instrutora “se ve que nin recoñece os feitos nin a aplicación do Dereito”.

Beatriz Seijo referiuse ao acontecido dende principios do mes de abril ata o 5 de maio, momento no que Isabel Fuentes foi acoitelada nun cuarto de planta do hospital de Ourense mentres se recuperaba dunha coma que a mantivo ingresada na UCI un mes.

Esa coma foi a consecuencia dunha agresión anterior, que o seu marido denunciara ante a Garda Civil de Verín como un suposto asalto á súa vivenda en Pazos (Verín), a mans de descoñecidos.

PICADAS TELEFÓNICAS NON

Entre os argumentos xurídicos, Seijo detallou que nin sequera vai “tan importante” o feito de que a xuíza rexeitase, nun momento dado, picar o teléfono do presunto agresor, aínda que lle parece de “muchísima máis envergadura” que non adoptase ningunha medida de protección da muller tras os feitos acontecidos na súa vivenda en abril e tras constatar a Garda Civil que podía ser un caso de violencia de xénero.

“Non falo de que prohibise ao seu marido o achegamento, senón simplemente de poñer vixilancia á muller no hospital, limitar as visitas do que era o seu único acompañante e determinar que estivese controlada sempre por alguén”, dixo a letrada, para quen iso sería “o normal”.

A investigación interna, segundo a avogada, debería facerse pola importancia que ten o caso para os centos de xuíces “que cada día acertan no seu labor de investigar, ponderar e equilibrar feitos e medidas de protección”, co obxectivo de evidenciar “que neste caso non se fixo ben”.

INVESTÍGASE POR MENOS

Tras mes e medio de entrevistas e encontros con responsables xudiciais galegos e na Fiscalía Superior de Galicia e a de Ourense, Seijo estudou as estatísticas relativas a expedientes abertos a xuíces e asegurou que a maioría “son por motivos moito máis pequenos que este”.

Ábrense expedientes a xuíces por atrasos inxustificados en emitir sentenzas ou por trato vexatorio a cidadáns ou a compañeiros. Algúns expedientes ábrense “de oficio”, porque algún xulgado superior ao infractor detectou irregularidades e as puxo en coñecemento do Tribunal Superior correspondente, e outros por denuncias de particulares. “Mesmo hai algún expediente a xuíces que se abre por noticias que saen en prensa”, agregou.

Na actuación da xuíza instrutora de Verín hai motivos “visibles na documentación” para que sexa investigada a súa actuación e para “os centos de xuíces que o fan ben” é “importante” determinar que o caso da instrutora de Verín “é puntual e illado porque prexudica ao resto”, subliñou a avogada.

22 de xuño de 2015 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.