publicidade hoxe

A exposición ‘Introvisións’ abre as súas portas no IES de Brión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+
Inauguración da exposición

Inauguración da exposición

Desde este mediodía quedou aberta ao público no IES de Brión a exposición fotográfica ‘Introvisións’, que recolle traballos do alumnado do Ciclo Medio de Imaxe do IES Virxe do Mar de Noia. Na inauguración da mostra participaron o alcalde de Brión, Xosé Luis García, o director do IES de Brión, José Antonio Caneda, o director do IES Virxe do Mar, Xavier Castro, e a profesora de fotografía do ciclo e coordinadora da mostra, Montse Pernas.

O alcalde de Brión afirmou que, aínda que está aberta a toda a veciñanza, a mostra tiña o seu emprazamento máis idóneo no IES, xa que “é unha exposición feita pola mocidade e para a mocidade, da que a miúdo se di que está allea á súa contorna e que hai poucos días demostrou que non é así, impulsando nas eleccións un cambio de 180 graos na situación que tiñamos”, en palabras de Xosé Luis García.

Pola súa parte, o director do IES brionés, José Antonio Caneda, expuxo que a presenza da mostra do centro ten como principais obxectivos “intensificar a colaboración co Concello, ofrecerlle ao alumnado a posibilidade de ver estas obras sen necesidade de saír do centro, e abrir o IES ao conxunto da contorna para que a veciñanza que nos ten como referente educativo nos vexa tamén como espazo de actividades culturais”. 

Continuidade do ciclo medio

O máximo responsable do Virxe do Mar noiés, Xavier Castro, agradeceu a acollida da mostra e referiuse á recente orde ministerial que fai desaparecer o Ciclo Medio de Imaxe do instituto noiés. “Imos facer todo o posible para que un ciclo medio similar chegue ao noso centro, agardamos que as nosas xestións dean froitos”, declarou. 

A exposición

A mostra Introvisións está composta por unhas corenta imaxes de vinte e catro alumnos e alumnas do IES Virxe do Mar, algúns deles de Brión. Ademais de demostrar o seu coñecemento técnico e o talento, é unha mostra con vontade de “ser un retrato do seu tempo e dos seus autores”, de modo que se pode entender como “unha maneira de espirse como xeración” cos temas que lles preocupan, as súas perspectivas de futuro e algunha mirada ao pasado.

1 de xuño de 2015 | 19:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.