A ESPO recoñece á APV pola súa defensa do medio ambiente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+
Entrega da certificación

Entrega da certificación

O Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, recibiu hoxe, de mans da Secretaria Xeral de ESPO (European Ports Organization), Isabelle Ryckbost, a renovación da certificación que acredita a defensa que, nos últimos anos, levou a cabo o Porto de Vigo a favor do medio ambiente.

Trátase da certificación ambiental específica de Portos PERS (Port Environmental Review System) da Unión Europea, ou o que é o mesmo, o máximo recoñecemento ambiental  de Portos concedido a través de ESPO (European Ports Organization) e ECOPORTS, e que a terminal que preside López-Chaves recibía xa en xuño de 2013, coincidindo coa 1ª edición da ‘Green Energy Ports Conference’. 

Segundo lembrou o propio Presidente portuario, “só cinco portos en España dispoñen desta esixente certificación o que demostra que somos un dos portos mellor acreditados na defensa do medio ambiente. Conseguimos ser un porto de referencia en materia de medio ambiente e seguiremos traballando neste sentido”, afirmou. 

Esta certificación ambiental súmase á obtención da certificación ISO 14001, ECOPORTS e EMAS III de todas as actividades, ademais da participación en múltiples proxectos ambientais por parte da institución que preside López-Chaves. 

Tal e como recoñeceu o propio Presidente portuario tras a entrega deste certificado, o recoñecemento de APROEMA e a certificación PERS (Port Environmental Review System) de ESPO (European Ports Organization), veñen apoiar o fin último de lograr que o Porto de Vigo sexa considerado como un dos “Portos Verdes” referentes de Europa. 

“Os portos temos que preparar as nosas infraestruturas para os novos combustibles, adaptarnos ás novas demandas de enerxía, vixiar que a nosa pegada de carbono sexa a mínima posible e desde o Porto de Vigo apostamos por todo iso”, recoñeceu. 

Así, explicou que este é “un recoñecemento ao traballo que levamos a cabo nos últimos anos desde o Departamento de Medio Ambiente”, á vez que apuntou que “non só hai que conseguir a certificación unha vez, senón renovala cada dous anos” e “isto demostra que estamos a facer ben as cousas”.

Durante a súa intervención, o máximo responsable portuario apostou por “un cambio de mentalidade”, tanto desde a propia institución como por parte das empresas que prestan os seus servizos en zona portuaria, buscando novas fontes de enerxía menos contaminantes e reducindo, na medida do posible, o impacto medio ambiental da rada viguesa.

Por outra banda, e en referencia á ‘Green Energy Ports Conference’, que durante tres días reuniu no Porto de Vigo a responsables de portos nacionais e estranxeiros, ademais dos máximos representantes de institucións europeas e españolas e empresas da máxima relevancia neste campo, López-Chaves asegurou que desde a Autoridade Portuaria de Vigo “seguiremos apostando por esta conferencia internacional” polo que emprazou aos asistentes a unha nova edición para “seguir traballando neste sentido” co obxectivo de “ser máis eficientes e máis eficaces”.

Por todo iso, agradeceu a colaboración de Portos do Estado e ESPO na organización destas xornadas, así como ás empresas e institucións participantes.

17 de xuño de 2015 | 19:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.