A Escola Infantil de Vilagarcía admite a 28 nenos no programa de verán
A Xunta Local de Goberno aprobou onte a lista de nenos e nenas admitidos na Escola Infantil de Verán. En total serán 28 os alumnos que poderán beneficiarse do servizo público de gardería durante os meses de xullo e agosto aproveitando as vacantes que deixan os nenos que dispoñendo de praza no centro, collen vacacións nestas datas. As familias dos cativos admitidos deben formalizar a matrícula entre o 8 e o 12 de xuño.
O grupo de idade no que se acollen a máis nenos durante o verán é o de 1 ano, xa que tamén é nesta franxa na que a Escola Infantil dispón de máis prazas. Serán 18 os alumnos de un ano que poderán acudir á gardería en xullo e agosto. Tamén obtiveron praza 9 bebés e 1 nenos de 2 anos.
Dende Servizos Sociais se advirte de que a matriculación é imprescindible para poder acceder ao servizo e as familias dispoñen do prazo comprendido entre o 8 e o 12 de xuño para realizar o trámite. De non facelo, perderían a praza.
A Escola Infantil de Verán está en funcionamento dende hai uns anos. Con este programa preténdese favorecer a conciliación das familias facilitando que o maior número de nenos poidan acceder ao servizo de gardería aínda que sexa só en verán. A medida tamén ten como finalidade sacarlle o máximo rendemento aos servizos municipais xa que, independentemente de que haxa vacantes polos nenos que collan vacacións, a gardería segue operativa en verán co resto do alumnado, podendo acoller sen custes engadidos, a máis alumnos ata cubrir a totalidade das prazas.











