A escala do ‘Azura’ deixa a 4.300 persoas no Porto de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

O Porto de Vigo recibirá hoxe a escala do ‘Azura’ cun total de 4.300 persoas a bordo, entre pasaxe e tripulación. Procedente de Lisboa (Portugal), chegou ao Peirao de Transatlánticos ás 08.15 horas, onde permanecerá ata as 17.00h., momento no que porá rumbo a Southampton (Gran Bretaña). A bordo viaxan 3.127 pasaxeiros e 1.173 tripulantes.

Este cruceiro, dos máis habituais en Vigo durante os últimos anos, pertence á naviera P&O Cruises. Construído por Fincantieri nos seus estaleiros de Monfalcone, Italia, é o barco irmán do ‘Ventura’. A súa construción iniciouse en 2008, cando a súa quilla foi posta oficialmente. A entrega oficial do cruceiro a P&O Cruises levouse a cabo dous anos despois, en 2010, e a súa viaxe inaugural tivo lugar precisamente ese ano, cando saíu dos estaleiros de Fincantieri en ruta a Southampton.

Este buque é o maior da naviera P&O Cruises, xunto ao seu xemelgo ‘Ventura’, con 290 metros de eslora e 36 de manga. Dispón de 1.557 camarotes, distribuídos en 14 cubertas, co que pode albergar ata 3.597 pasaxeiros e 1.200 tripulantes.

Este megacruceiro de última xeración, conta con todas as comodidades e diversos servizos exclusivos como, por exemplo, un ximnasio con vistas submarinas, spa de augas termais, un gran auditorio con espectáculos de teatro e malabares e un cine ao aire libre na cuberta superior. 

Tamén ten o primeiro restaurante flotante distinguido cunha estrela Michelin, ‘The Glass House’, que conta co asesoramento do chef Atul Kochhar, propietario do exclusivo restaurante londiniense ‘Seventeen’. 

O ‘Azura’ visitará o Porto de Vigo ata en 8 ocasións ao longo desta tempada, deixando na cidade a máis de 34.400 persoas. 

Xunto a el, a Estación Marítima recibirá tamén aos seus irmáns: o ‘Oceana’, o ‘Oriana’, o ‘Arcadia’, o ‘Aurora’, o ‘Ventura’ e o ‘Brittania’, pertencentes á emblemática naviera  P&O. Entre eles, deixarán en Vigo máis de 86.000 pasaxeiros nun total de 30 escalas, fronte aos preto de 13.000 pasaxeiros rexistrados en 2014 nas 6 escalas realizadas ao longo dese ano polos buques da naviera. 

Intensa promoción comercial

Consciente da importancia que para a cidade de Vigo ten a entrada de turismo por mar, a Autoridade Portuaria levou a cabo unha intensa promoción comercial co obxectivo de captar o maior número posible de cruceiros, facendo especial fincapé nas melloras realizadas nas súas infraestruturas durante os últimos anos, ademais da calidade e eficiencia do servizo que sempre prestou a terminal de cruceiros, moderna e completamente equipada.

Así mesmo, este notable aumento do número de pasaxeiros de P&O en Vigo débese á tendencia xeneralizada, ao longo destes últimos anos, de situar en Vigo barcos de grandes dimensións, debido á importante aposta pola seguridade realizada pola Autoridade Portuaria e a propia terminal de cruceiros. Un aspecto de vital importancia para as compañías de cruceiros, así como a fiabilidade e tranquilidade que ofrecen as augas resgardadas da Ría de Vigo, que aseguran a operatividade deste tipo de buques de forma ininterrompida as 24 horas, os 365 días do ano.

11 de xuño de 2015 | 11:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.