A edil de Economía reúnese cos hostaleiros buenenses para ultimar a Festa do Polbo

Reunión cos hostaleiros
A XVI Festa do Polbo queda definitivamente para os días 14,15 e 16 de agosto. Así se decidiu na reunión que mantivo hoxe a concelleira delegada de Economía, Silvia Carballo, cos hostaleiros dos restaurantes Nuncia e Casa Quintela e cos representantes de conxelados Hermanos Portela e Rosa de los vientos, onde tamén se acordou que o pregón fose o sábado 15 pola mañá. Así, o horario para servir pratos inaugurarase o venres 14 das sete e media da tarde ás doce da noite, e o sábado e domingo de 11.30 a 16.30 e de 19.30 a 00 horas.
Tras unha reunión na que se debateron diferentes temas da organización deste evento, deuse de prazo ata este xoves para que os hostaleiros comuniquen á concelleira o nome das especialidades do polbo de Bueu, reservándose para o Concello a do polbo á feira. Igual que na edición pasada, o custe das especialidades será de 5 e 7,50 euros. Para adiantar trámites, fíxose un sorteo para coñecer a localización de cada posto dentro da carpa.
En principio, a seguinte reunión será en agosto xa máis preto da festa para tratar temas de última hora e que non quede nada esquecido.
Por outro lado, nas vindeiras semanas Carballo tamén se reunirá co colectivo dos hostaleiros para organizar a Ruta das Tapas, a cal se agarda que coincida co final da semana do FICBUEU.











