A Deputación saca a licitación por 556.837 euros tres obras en Pontevedra
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, comunicou esta mañá, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, que o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publica hoxe a licitación de tres obras na cidade de Pontevedra, tres actuacións financiadas na súa totalidade polo organismo provincial, cun orzamento de 556.837 euros.
Rehabilitación da rúa Ruibal
Segundo se establece no BOPPO o proxecto atende á mellora superficial desta rúa, desde a avenida Fernández Ladreda, na estrada PO-546, ata Marín, no enlace coa PO-551 Salcedo-Pontevedra.
Cun orzamento de 241.606 euros, a obra comprende a reparación dos danos que presenta a vía por mor do tempo e busca responder ás demandas dos veciños co fin de mellorar a seguridade na zona. Nivelarase o pavimento, instalaranse lombos e mellorarase a rede de saneamento.
O prazo de execución destes traballos é de catro meses.
Reparación da ponte sobre o río Rons
Hoxe tamén se publica no BOPPO a licitación da reforma da ponte do río Rons en terreos da Xunqueira de Alba, unha reparación que, tal e como informou Rafael Louzán o pasado mes de abril, ascende a 130.586 euros, que a Deputación financiará integramente.
Con esta actuación quérense garantir as condicións de seguridade dunha vía de comunicación alternativa entre esta zona e Pasarón coa estrada de Vilagarcía de Arousa, un trazado que evita ter que acudir ó saturado nó dos bombeiros.
Nas bases da licitación publicada este venres establécese un prazo de execución das obras de seis meses.
Rehabilitación da estrada de acceso a Marcón
Ó abeiro dos acordos establecidos co Concello de Pontevedra a Deputación tamén saca a concurso público a reparación superficial da estrada de acceso a Marcón, por importe de 184.645 euros. A obra comprende a rehabilitación desta vía, desde a rúa Campo Santo ata Pedra do Largarto, no prazo de 4 meses; algo máis de 1 quilómetro de estrada na que se quere mellorar a seguridade viaria, renovar o pavimento e a capa de rodaxe, así como levar a cabo a súa sinalización e pintado.
Nas bases das tres licitacións publicadas este venres establécese que as empresas interesadas en cada unha das obras dispoñen dun prazo de 26 días naturais, desde o seu anuncio no BOPPO, para presentar as súas propostas.











