A Deputación destina 40.000 euros a actuacións demandadas polos veciños de Xermade nos Orzamentos Participativos
A Vicepresidenta Segunda en funcións, Lara Méndez, deu conta hoxe, durante unha xuntanza mantida cos veciños de Xermade, das axudas que a Deputación destina para o financiamento de diferentes actuacións que estes demandaran para os Orzamentos participativos 2015 e que foron aprobadas na Xunta de Goberno celebrada o pasado 21 de maio.
Lara Méndez destacou que con esta colaboración “continuamos a dar resposta ás necesidades e demandas que nos fixeron os veciños nos Orzamentos Participativos, ao tempo que esta colaboración “contribuirá, por unha banda, a facer veciñanza, posto que impulsan a actividade de asociacións que son as verdadeiras dinamizadoras da vida no rural, e, por outra, melloramos a seguridade dos veciños”.
A Deputación destina un total de 39.000 euros para financiar a mellora de dotacións veciñais e infraestruturas no Concello. A primeira destas actuacións consiste no acondicionamento do local social da Asociación Veciñal de Roupar, que xa fora creado cunha axuda de 12.000 euros do organismo provincial. As melloras que se van leva a cabo consisten na colocación dun novo pavimento no interior de todas as dependencias do local, así como o alicatado do cuarto de baño. Por outra banda, instalarase unha beirarrúa ao redor da edificación. Estas melloras contan cunha achega provincial de 12.000 euros.
Outras das actuacións previstas, tamén en Roupar, é a construcións dunha beirarrúa entre os lugares de A Casanova e o cemiterio. A Deputación financia con 12.000 euros a construción desta beirarrúa que contará cun metro de ancho ao longo de 300 metros que discorren en paralelo á estrada LU-P-2215. Deste xeito, evítanse riscos e posibles accidentes dos peóns.
Finalmente, a terceira destas colaboracións é a que o organismo provincial manterá coa Asociación de Mulleres Rurais de Xermade-Amuraxe, para o acondicionamento do local desta agrupación. Unha achega de 15.000 euros permitirá reparar o tellado deste local social, situado no centro urbán de Xermade. Non é a primeira ocasión na que a Deputación colabora con esta asociación, que mantén unha intensa actividade no Concello, posto que este local fora rehabilitado con dúas achegas de 8.000 e 12.000 euros.