A Deputación de Pontevedra destina 23.500 euros a axudas para varios clubes deportivos
As deputadas provinciais Ana Isabel Vázquez e Begoña Estévez recibiron, esta mañá, os responsables do Pontevedra Rugby Club, o Club Tenis de Mesa Monte Porreiro, o Club Piragüismo Verducido-Pontillón, a Peña Ciclista Motobike e o Club Ciclista Marín para entregarlles a acta presidencial pola que se lles concede a cada unha das entidades unha axuda económica, cun importe total de 23.500 euros.
Participación en ligas e competicións oficiais
O Pontevedra Rugby Club recibirá 5.000 euros para a súa participación en ligas e competicións oficiais. Tamén neste apartado a Deputación financiará, con 10.000 euros, o Club Piragüismo Verducido-Pontillón, que se atopa metido de cheo na temporada; segundo puxo de manifesto Luis Rivas “esta axuda é imprescindible para sufragar os desprazamentos, os gastos das viaxes e mesmo poder pagarlle ó adestrador”.
Promoción do deporte na provincia
As deputadas entregaron outras tres resolucións presidenciais polas que se lles concede un total de 8.500 euros ás outras entidades para contribuír ó desenvolvemento da práctica deportiva na provincia.
Así, a Deputación de Pontevedra patrocinou o I Trofeo Ría de Marín de Féminas, da Copa de España de Ciclismo, cunha axuda de 2.500 euros, que esta mañá lle entregou Begoña Estévez a un dos responsables do Club Ciclista Marín, organizador da proba.
O ente provincial tamén contribuíu con 2.000 euros ó desenvolvemento, o pasado 17 de maio, do I Triatlón Atlántico Baiona. A proba, organizada pola Peña Ciclista Motobike, reuniu máis de 400 atletas na localidade pontevedresa; os responsables desta entidade quixeron agradecer publicamente o éxito acadado “porque todo saíu á perfección”.
Así mesmo, Ana Isabel Vázquez entregoulle ó responsable do Club Tenis de Mesa Monte Porreiro, Emilio Álvarez, unha axuda de 4.000 euros para organizar o XVII Torneo Internacional de Verán de Tenis de Mesa, que reunirá máis de 300 xogadores neste barrio pontevedrés. O torneo terá lugar os días 12 e 13 de setembro.











