A Deputación de Pontevedra concede 19.000 euros ó Club Buceo de Ons, ó Club Céltiga, ó Club de Mar de Aguete e á Agrupación Deportiva Cortegada
A deputada Begoña Estévez recibiu esta mañá os responsables do Club Buceo de Ons, do Club de Mar de Aguete Asociación Deportiva, do Club Céltiga e da Agrupación Deportiva Cortegada para entregarlles a acta presidencial pola que se lles concede a cada unha das entidades unha axuda económica, por un importe total de 19.000 euros.
Para promover a práctica deportiva na provincia, a través do patrocinio e a colaboración na posta en marcha de diversas actividades, a Deputación concedeulle unha axuda de 9.000 euros á Agrupación Deportiva Cortegada para os gastos derivados da organización do trofeo XII Memorial Miguel Ángel González de baloncesto, mentres que o Club Céltiga recibiu unha subvención, por importe de 1.000 euros, pola celebración do 8º Torneo de Fútbol Base Illa Cup 2015.
Neste apartado de subvencións o Club de Mar de Aguete Asociación Deportiva recolleu a resolución presidencial pola que se lle outorga unha axuda de 6.000 euros para a organización da 18ª Regata de Cruceiros de Aguete, que terá lugar o vindeiro mes de agosto.
A axuda concedida ó Club Buceo de Ons, de 3.000 euros, enmárcase na liña de apoio que a Deputación mantén cos equipos e entidades da provincia para contribuír á súa participación en ligas e competicións oficiais.











