A Delegación Territorial da Xunta na Coruña conclúe un simulacro co desaloxo de 700 persoas

Simulacro de incendio na delegación territorial da Xunta na Coruña
A Delegación Territorial da Xunta na Coruña desenvolveu esta mañá un simulacro de incendio co obxectivo de probar as instalacións do edificio administrativo de Monelos en materia de prevención. Logrouse desaloxar a máis de 700 persoas sen ningunha incidencia, cumprindo así a normativa que obriga a realizar este tipo de exercicios periodicamente.
O simulacro, organizado pola Sección de Prevención de Riscos Laborais, deu comezo ás 12:01 horas coa sirena de alarma. Traballadores e usuarios que se atopaban nese momento no edificio, foron abandonando as dependencias de maneira ordenada facendo uso dos catro bloques de escaleiras, para situarse na praza dianteira das instalacións.
O suposto incendio orixinouse no terceiro andar do edificio, desde onde se propagou ao resto do inmoble, polo que se decretou a activación do Plan de Emerxencia Xeral que obriga a evacuación total das instalacións. Durante este procedemento comprobouse o funcionamento do protocolo de actuación en caso de incendio que levaron a cabo os equipos de emerxencias, así como a reacción de todos os traballadores afectados.
A delegada territorial, Belén do Campo, recoñeceu “a predisposición de todos os participantes para realizar este exercicio”. Neste senso, a delegada explicou que en días anteriores xa se levara a cabo un proceso de formación do funcionariado e nomeárase a voluntarios responsables das súas respectivas plantas e encargados de guiar aos seus compañeiros durante o abandono das instalacións.
Efectivos de emerxencia implicados
Para a execución deste simulacro, foi preciso a coordinación de varios equipos de emerxencias, coma Bombeiros, a Policía Nacional, Local e Autonómica, Protección Civil e urxencias sanitarias, que se desprazaron ata Monelos. Do Campo, agradeceu a “todos os profesionais que colaboraron no exercicio, que, sen dúbida, servirá para estar preparados no caso de producirse outros incidentes”.
Despois da finalización do exercicio, unha vez que traballadores e usuarios accederon de novo ao inmoble, tivo lugar unha reunión entre os equipos de emerxencia que participaron no simulacro na que se analizou o procedemento e se ofreceron propostas para optimizar a resposta ante este tipo de emerxencias.











