A correcta xestión do aceite doméstico polos vilagarciáns evitou a contaminación de 10 millóns de litros de auga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Os vilagarciáns seguen contribuíndo a mellorar o medio ambiente a través da recollida de aceite usado de procedencia doméstica. Os veciños depositaron o ano pasado un total de 9.155 litros de aceite nos contedores específicos distribuídos polo municipio. A correcta xestión deste volumen de aceite evitou a contaminación dos 10.070.500 de litros de auga cos se mesturarían de terse eliminado a través da rede de sumidoiros.

Os veciños dispoñen dun total de dezaseis contedores especiais para depositar o aceite de cociña usado. Estes depósitos distribuíronse por todo o municipio, tanto en zonas do rural como do centro urbano, prestando especial atención a aquelas zonas con maior concentración poboacional. De feito, os puntos de recollida onde se depositou o maior volume de residuos foron os de zonas urbanas con elevada concentración poboacional, como no Piñeirño (1.695 litros), Praza de Abastos (1.635), As Carolinas (1.545) e Praza de Ravella (1.350).

Tamén os centros urbanos de Vilaxoán e Carril procedeuse á recollida de aceite doméstico usado. No punto de Vilaxoán depositáronse o ano pasado 525 lito e en Carrill 550. amén contibuiron no coidado do medio ambiente os veciños da periferia como os dos lugares de Sobradelo (305 litros), Cornazo (260), Trabanca Badiña (260), Trabanca Sardiñeira (225), A Laxe (180), Rubiáns (175), A Torre 170), Guillán (145), Vilar-Bamio (80), Cea (55).

O aceite usado constitúe un residuo moi abundante (prodúcense aproximadamente 7 litros por persoa e ano) e cun alto poder de contaminación (por cada litro contamínanse 1.000 de auga). A maior parte deste residuo (80%) procede dos domicilios particulares e só un 20% da hostalería. Na inmensa maioría dos casos, os aceites domésticos son eliminados a través da rede de sumidoiros. Isto supón que ou van para á depuradora de augas -provocando avarías e proliferación de pragas da rede e incrementando os custes de depuración e mantemento das instalación- ou van directamente á terra, contaminando os acuíferos.

Uso gratuíto e exclusivamente doméstico

O servizo de recollida de aceite de uso doméstico púxose a andar a finais de 2009. A súa utilización é gratuíta, tanto para o usuario, como para o Concello, grazas ao convenio de colaboración subscrito coa empresa Procesadora Gallega de Alimentos S.L., xestora de residuos autorizada pola Xunta de Galicia, que é a que se encarga de recoller os residuos e de reutilizalos como materia prima para a produción de biocombustible.

O servizo é de uso exclusivo para os aceites de orixe doméstico. Os residuos oleaxinosos procedentes de actividades industriais non son susceptibles de usalo, posto que as empresas están obrigadas por lei a facerse cargo dos residuos que xera a súa actividade a través de xestores autorizados.

Máis medios a disposición dos usuarios

Co obxectivo de potenciar este hábito, o Concello porá este ano 2015 máis medios a disposición dos cidadáns. De feito, coa renovación do convenio coa Procesarora Gallega de Alimentos, a empresa xa comezou a instalar 10 novos puntos de recollida. O emprazamento destes novos depósitos son Avenida Rosaía de Castro, 2º e 120, O Pedroso (Bamio), Avenida de Cambados (edificio A Gaviota e fronte o edifico Procoarsa), Doutro Tourón 35, Avenida Rodrigo de Mendoza (Fexdega, e 61), Castroagudín e Rúa Edelmiro Trillo-cruce Cobián.

Tamén se potenciará o uso do servizo entre a hostalería local.

Combustible ecolóxico que non emite xofre

Unha vez recollidos os residuos, o aceite de cociña usado transpórtase a unha planta de reciclaxe para a súa posterior transformación en biodiésel, un biocombustible vexetal que contribúe á conservación do medioambiente, posto que é renovable e limpo e non produce emisións de xofre. Ademais, reduce o desgaste do motor (maior lubricación) e pode ser usado por calquera vehículo diésel convencional sen necesidade de modificacións mecánicas.

1 de xuño de 2015 | 18:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.