publicidade hoxe

A Consellería de Educación destinará 238.000 euros á ampliación do IES Antón Losada Diéguez da Estrada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Estrada
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinará 238.076,15 € á ampliación do IES Antón Losada Diéguez (A Estrada), co fin de dar resposta ás necesidades dos ciclos formativos que se imparten neste centro. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a licitación da contratación desta obra, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2007-2013. 

O obxectivo da actuación é ampliar as instalacións dedicadas aos ciclos da familia de FP de Transporte e mantemento de vehículos. En concreto, a obra consistirá na ampliación dos talleres existentes cun módulo novo para os ciclos da devandita familia. A edificación será tipo nave e albergará na planta baixa o espazo destinado a taller mecánico cunha superficie de 199,70 metros cadrados, mentres que a planta primeira será ocupada por un aula destinada a impartir clases teóricas, de 67,55 metros cadrados. En total 267,25 metros cadrados de ampliación.Ademais, como consecuencia do aproveitamento do núcleo de comunicacións verticais e a reorganización da planta primeira da nave contigua existente, formúlase a creación dunha aula aberta de conferencias, dous cuartos de almacenaxe e un corredor de comunicación coa nova ampliación.

Os novos espazos poderán, ademais, ser utilizados polo alumnado da FP Básica, implantada ao abeiro da LOMCE. Esta nova modalidade permite ao alumnado obter un título de Formación Profesional inicial ao remate da etapa, o que favorece a permanencia dentro do sistema educativo e constitúe, polo tanto, unha ferramenta para a loita contra o abandono educativo temperá, unha das actuacións prioritarias da Consellería de Cultura e Educación.

5 de xuño de 2015 | 11:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.