A concelleira de Medio Ambiente propón a futura recuperación da lagoa de Sello
A concelleira salientou a boa acollida por parte da veciñanza da retirada de colectores do lixo. Mellorar o aspecto do casco urbán lalinense e conservar e fomentar a riqueza natural do concello serán os grandes obxectivos da área que xestiona.
A concelleira de Medio Ambiente, Parques e Xardíns, Celia Alonso, fixo unha valoración positiva dos seus primeiros días de traballo no goberno municipal, e debullou as liñas de actuación que guiarán a súa actividade nos vindeiros meses. A súa principal intención é traballar arreo no acondicionamento de Lalín para facelo máis habitable, e avanzar na recuperación e promoción do patrimonio natural do concello. Para alcanzar os obxectivos que se propoñen , Alonso demandou cooperación por parte da cidadanía.
Esta colaboración está garantida, segundo explicou, en aspectos como a colocación de xardineiras ornamentais en varios puntos do casco urbán, en cuxo coidado se involucrarán os propietarios dos establecementos comerciais. En relación cos testos decorativos, a nota negativa produciuse a pasada fin de semana, cando os instalados nas inmediacións da Praza da Igrexa sufriron desperfectos. Ante estes feitos, Celia Alonso sinalou que se tratará de manter a vixilancia e solicitou sensibilidade á cidadanía para que actos similares non volvan acontecer.
A concelleira tamén quixo manifestar a boa acollida que tivo a retirada de contedores en emprazamentos como a Praza da Igrexa, o Museo Municipal ou o centro de saúde. “Falei coa xente e todos se mostraron moi felices co cambio. Non podiamos permitir que dous dos lugares máis emblemáticos de Lalín se visen afeados pola presenza dos colectores do lixo”, indicou.
Por outro lado, Alonso explicou que outro dos grandes obxectivos da súa área é o de conservar e dar a coñecer os espazos naturais do concello. Neste senso dixo ter a percepción de que “moitos lalinenses non coñecen a riqueza natural de Lalín e iso hai que cambialo, porque temos unha natureza prodixiosa da que a xente ten que gozar”. En relación coa promoción do entorno, Alonso explicou que un dos propósitos a acadar vai ser o de recuperar a Lagoa da Telleira de Sello. Trátase dun humidal creado de maneira artificial que agora se atopa totalmente naturalizado e no que conviven moitas especies animais e vexetais.
En relación á xestión de animais de compaña, Celia Alonso manifestou que se tratará de evitar que os donos de cans leven aos seus animais a parques infantís debido ás incomodidades, sobre todo hixiénicas, que isto pode ocasionar. Así, asegurou que para evitar problemas vaise facer cumprir a ordenanza canina vixente. Alonso tamén valorou a posibilidade de habilitar nun futuro un espazo en Lalín para o recreo canino.











