A comunidade xorda celebra en Pontevedra o “Día da Lingua de Signos”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O próximo 14 de Xuño celébrase por primeira vez o “Día da Lingua de Signos”. Co motivo da conmemoración da lingua de signos -ferramenta fundamental e vehículo da comunicación para as persoas con discapacidade auditiva-, dende a Asociación de Xordos de Pontevedra “Río Leréz” e contando coa colaboración da Concellería de Benestar Social e Igualdade do Concello de Pontevedra, Lesing e Fegaxor, organizamos unha serie de actos e eventos conmemorativos dos que queremos facer partícipe á cidade de Pontevedra e facer máis visible a discapacidade auditiva que convive diariamente na nosa cidade. Concretamente, convidámosvos o venres 12 de xuño ás once e media da mañá na sala de prensa do Concello de Pontevedra á lectura do Manifesto elaborado dende a Asociación de Xordos de Pontevedra “Río Lérez”.

Ó acto asistirán Carmen Fouces, Concelleira en funcións de Benestar Social e Igualdade e Ana González Quinteiro, Educadora Social da Casa Azul. Ademais, o programa de actividades para o Día da Lingua de Signos inclúe outras accións como a colocación dunha pancarta no balcón do Concello na Praza de España do venres 12 ao luns 15 de xuño; a participación e colaboración nos eventos do programa Hefesto, no marco do cal se entrevistará ao “Gran Wyoming”; e un contacontos de balde en lingua de signos que terá lugar na Biblioteca Pública de Pontevedra o 12 de Xuño de 19:30 a 20:30. Finalmente, a Asociación tamén participará o sábado 13 de xuño co seu voluntariado na Carreira Pedestre PonteNoite 5+5 “Run For Parkinson’s” do Circuito de Carreiras de Pontevedra (CCCP) 2015 organizada polo Instituto Municipal de Deportes. Cabe salientar a importancia deste Día xa que é a primeira vez que se celebra no noso país, trala súa incorporación ao noso calendario grazas á Resolución do pasado 15 de abril pola que se publicou o Acordo do Consello de Ministros e polo que se establece esta data como tal. 

A Lingua de Signos

A lingua de signos recoñeceuse en España no 2007. Sen embargo, dende mediados do S.XVI coñécense intentos de educar ás persoas con discapacidade auditiva, salientando Pedro Ponce de León que foi o primeiro en concibir e levar a práctica un método eficaz para educar e desmutizar ós xordos. Sábese que empregaba a dactiloloxía e a escritura para ensinar a falar aos seus alumnos xordos a través de signos manuais asociados a obxectos reais, debuxos dos obxectos. Á vez que se ensinaba o signo do obxecto e o debuxo do mesmo, ensinábaselles como se escribía a palabra.

Asociación de Sordos de Pontevedra “Río Lérez”

A Asociación de Xordos de Pontevedra é unha entidade de carácter social e democrática, sen ánimo de lucro, e independente de partidos políticos, confesións relixiosas ou organización sindicais. A súa misión, dende a súa fundación no 1993 é a de elevar a calidade de vida e benestar das persoas con discapacidade auditiva na provincia de Pontevedra. Dende a Asociación se organizan e executan diversos servizos e actividades de carácter cultural, social, educativo, formativo, laboral ou deportivo. Así como actividades relacionadas co lecer e tempo libre como exposicións, concursos, encontros e toda clase de actividades que sexan de interese común, baseados en obxectivos como promover a relación e o intercambio entre os asociados, potenciar a participación e a implicación da familia no desenvolvemento da persoa con discapacidade auditiva e potenciar e defender os dereitos das persoas con discapacidade auditiva, entre outros.

10 de xuño de 2015 | 19:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.