A cociña de produto da Rioxa chega á aula gastronómica do Centro Comercial Arousa
A aula de Cociña do Centro Comercial Arousa acollerá mañá, a partir das 20:00 h., Cociña da Rioxa, un novo taller culinario enmarcado dentro do ciclo España Gastronómica. Un país para saborear, no que os asistentes aprenderán a elaborar pratos típicos desta comunidade, rica en hortalizas e en carnes procedentes da serra, e na que o viño ten unha presenza indiscutible tamén nos fogóns.
O curso, de carácter gratuíto e aberto ao público ata completar aforamento, estará impartido pola chef de Nación Green en Pontevedra, Pilar Martí, orixinaria da Rioxa e gran coñecedora da cociña tradicional da súa terra natal, que estará acompañada por Fran Sotelino, do Asador La Paz (Moaña).
A cociña rioxana non destaca pola súa innovación, pero si polas súas exquisitas elaboracións sinxelas, baseadas fundamentalmente na calidade do produto.
Durante o taller, os asistentes aprenderán a preparar zurracapote -tamén coñecido como zurra-, unha deliciosa bebida popular, moi típica da Rioxa e similar á sangría, pero cun sabor máis forte, elaborada a base de froitas, azucre, canela e viño tinto. Continuarán cunha saborosa tosta de pementos e anchoas, mostra da gran cantidade de riquísimas receitas miniatura que se poden degustar na capital da comunidade, onde o tapeo forma parte xa da súa cultura gastronómica.
Non podían faltar no menú, as patacas á rioxana, un dos pratos estrela da rexión, a pesar da súa sinxeleza, tanto en ingredientes como en elaboración. Para finalizar, os asistentes aprenderán a realizar unha sobremesa propia na zona da época estival, pexegos ao viño tinto de Rioxa.
As receitas estarán dispoñibles, unha vez finalizada a sesión, na páxina web do centro www.ccarousa.com.
Sobre España Gastronómica
O ciclo culinario España Gastronómica. Un país para saborear desenvolverase o último martes de cada mes –de marzo a agosto- na aula de Cociña, da 2ª planta, e nel elaboraranse pratos rexionais de seis comunidades españolas – Illas Baleares (24 de marzo), Castela e León (28 de abril), Canarias (26 de maio), A Rioxa (30 de xuño), Andalucía (28 de xullo) e Cantabria (25 de agosto)-, guiados por chefs galegos de recoñecido prestixio e especializados na gastronomía de cada zona.











