A carteira de dependencia inclúe servizos específicos para enfermidade mental de axuda a domicilio, residenciais e nocturno
A carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia inclúe servizos específicos e axustados ás necesidades das persoas con enfermidade mental, tendo en conta o seu grao de dependencia, e dos seus familiares. Así o destacou hoxe a secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, na inauguración do XIX Congreso da Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia (Feafes) ‘Embarcados cara a unha vida plena’ na Coruña, onde estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta, Belén do Campo.
Piñeiro destacou que o Goberno galego incorporou por primeira vez a esta carteira de servizos prestacións específicas para persoas dependentes con problemas de enfermidade mental. Resaltan un servizo de axuda a domicilio e residenciais de atención diúrna, ocupacional e nocturna, todos eles orientados á normalización e integración social deste colectivo.
O servizo de axuda a domicilio, segundo explicou Piñeiro, pretende fomentar, apoiar e adestrar á persoa na realización das actividades básicas da vida diaria, a diferenza do servizo de axuda a domicilio común que busca ofrecer unha atención persoal nestas actividades. Este recurso, ademais, contempla a atención, no só da persoa dependente, senón tamén da súa familia, con fin de facilitarlle os coñecementos necesarios para enfrontarse á enfermidade (control do estrés, mellora do clima social…).
En canto ao servizo residencial, o decreto contempla dúas modalidades: unha atención residencial psicosocial e outra psicosocial-ocupacional máis orientada a facilitar a integración laboral da persoa. Ambas céntranse na actividade terapéutica e a rehabilitación psicosocial e poñen o acento, tal e como concretou Piñeiro, en facilitar a normalización da vida diaria destas persoas e potenciar a súa autonomía. “Estas mesmas directrices están igualmente presentes nos servizos de atención diúrna e ocupacional”, subliñou.
Ademais, as persoas con dependencia e con enfermidade mental disporán dun servizo nocturno que busca prestar unha atención integral durante a noite a persoas que non teñen problemas para residir no seu propio domicilio.
Por último, este colectivo tamén poderá contar con servizos específicos de información, orientación ou asesoramento, de respiro (dirixidos ao coidador), fisioterapia, estimulación cognitiva, rehabilitación psicosocial ou apoio á vida independente.
Par rematar, a secretaria xeral de Política Social agradeceu a Feafes o apoio que brindaron á administración galega para configurar cada un dos servizos que forman parte da carteira de enfermidade mental.











