A brigada de Obras do Concello acondiciona o recinto do ‘Manuel Rivero’

Rafael Cuíña na visita ao recinto do “Manuel Rivero”
Limparase a maleza, delimitaranse 30 prazas de aparcamento e colocarase cartelería indicativa. Na última semana os operarios realizaron tarefas de mellora en case unha ducia de lugares do concello.
A brigada de obras do concello de Lalín está a executar traballos de acondicionamento no recinto do antigo colexio ‘Manuel Rivero’ para facilitar o estacionamento de vehículos. O goberno municipal decidiu habilitar este espazo como parking provisional e de balde para dar resposta a unha das principais demandas dos comerciantes da zona.
A brigada de obras vai limpar a maleza e as herbas que hai no lugar, e tamén delimitará as prazas de estacionamento para un mellor aproveitamento do espazo. En total, o recinto terá capacidade para un total de 30 vehículos. Ao mesmo tempo colocaranse nas inmediacións do antigo colexio sinais indicativas e informativas para que todos os conductores saiban que teñen un lugar onde estacionar de xeito gratuito.
Está previsto que o recinto do antigo ‘Manuel Rivero’ se acondicione como albergue de peregrinos e centro cultural durante este mandato. Ata entón o concello decidiu empregalo como parking provisional en consonancia coa súa intención -reiteradada en campaña- de realizar un aproveitamento útil dos recursos municipais que agora mesmo se atopan en desuso, máis que acometer novas infraestructuras. Precisamente o equipo que encabeza Rafael Cuíña fai unha firme aposta pola rehabilitación de edificios abandonados e infrautilizados fronte as políticas pseudo-faraónicas do anterior goberno municipal.
A idea de habilitar o recinto como aparcadoiro foi suxerida, neste caso, por técnicos municipais en coordinación co propio alcalde.
Outras actuacións de mellora
Ademais de esta actuación, a brigada de obras do concello está a traballar noutros puntos do municipio, como o colexio de Prado, onde se están a realizar tarefas de pintado e alicatado de corredores e teito. Tamén se vai pintar o palco da festa de Prado, tal e como demandan os veciños da zona.
Ademais, os operarios desenvolven tarefas de mellora no vaso da piscina municipal (con recintado de xuntas e reposición de baldosas) e de acondicionamento en Pozo do Boi, na praia fluvial de Vilatuxe. Nesta última semana executáronse traballos de mellora no albergue da Laxe, en Bendoiro, e desbroces nos lugares de Lodeiro, San Paio, Castro Doade, Porto do Carrio e Senín.
Nos próximos días acometerase a limpeza de canalóns no colexio de Cercio.











