publicidade hoxe

A Biblioteca de Verín clausura o curso con contacontos e manualidades doces

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

O xoves 18 de xuño, de 18 a 19.30 horas, a Biblioteca Pública Municipal de Verín promove unha sesión de contacontos e manualidades “moi doces”, no marco da programación de actividades destinadas ao fomento da lectura e dinamización da instalación municipal.

Esta iniciativa porá o broche final ao ciclo de actividades realizado durante o curso 2014-2015. Un total de 40 iniciativas culturais e lúdicas, coma contacontos e manualidades, cursos de informática, relatorios, Club de Lectura, exposicións, presentacións de libros, visitas escolares, concursos, visionado de películas e charlas ou obradoiros. Unhas actividades que permitiron a Biblioteca de Verín acadar, por sexto ano consecutivo Campaña de Animación á Lectura María Moliner, así como numerosos recoñecementos nacionais e internacionais de distintas organizacións como a Embaixada de Chile en España, Federación de Fútbol, Fundación Antena 3; ademais de ser nomeada como como Biblioteca Asociada pola UNESCO, asentándose no cumprimento de todos os principios de fomento da lectura, desenvolvemento da cultura, solidariedade-voluntariado e cooperación con distintas entidades, e lograr o premio á Mellor Iniciativa ao Fomento da Lectura para Bibliotecas Públicas no ano 2011, concedido pola Federación de Gremios de Editores de España.

A actividade que terá lugar o vindeiro 18 de xuño correrá a cargo da compañía de Teatro Calavera, que representarán “O cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa”. Trátase da escenificación dunha historia de amor entre o cociñeiro e a pasteleira –Antón e Tomasa son algo máis que amigos, por iso Tomasa convidouno á súa casa; ás oito, a comer biscoito. Non foi de comer biscoito, senón por culpa do viño e do touciño polo que o cociñeiro Antón caeu de fociños-. Unha actuación moi divertida de 35 minutos seguida dun obradoiro de pasta de azucre, “fondant”, cunha duración de uns 40 minutos.

Esta iniciativa atópase enmarcada en Ler Conta Moito, programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A mesma está destinada a un máximo de 40 nenos/as socios/as da instalación, con idades comprendidas entre os 3 e 9 anos, e para participar na mesma é necesario inscribirse na propia biblioteca ou no teléfono 988-413624 (a partir do luns 15 de xuño). A actividade será coordinada por nenos/as voluntarios/as, de entre 11 e 16 anos, e persoal da Biblioteca Pública Municipal de Verín. 

10 de xuño de 2015 | 17:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.