A aula lúdica da Laracha adapta o seu horario ás vacacións de verán nos colexios
Coa chegada do verán e o remate do curso escolar 2014-2015, a aula lúdica municipal adapta o seu horario desde hoxe luns e ata o 9 de setembro, manténdose aberta aos usuarios pola mañá durante cinco horas diarias (de luns a venres) de 9:00 a 14:00 horas. O persoal especializado que está a cargo dos nenos na aula lúdica municipal desenvolverá ao longo dos próximos meses diversas actividades contempladas nunha extensa programación estruturada en tres bloques:
1.- A xogar que todo aprenderás: onde se combinarán xogos de interior con actividades manuais e saídas diarias á rúa para gozar dos parques e zonas lúdicas do Concello ao aire libre.
2.- Contacontos Un conto unha fábula: serán dúas sesións semanais os martes e os venres de 11:30 a 13:00 horas que se realizarán na aula lúdica e na biblioteca alternativamente.
3.- Obradoiros de coeducación para o fomento da igualdade e corresponsabilidade nos que se traballarán aspectos como a socialización, intelixencia musical e verbal, a corresponsabilidade nas tarefas, interpretación e linguaxe. A metodoloxía será por medio de actividades musicais, manuais, interpretativas…
O servizo que se ofrece na aula lúdica municipal inclúese no marco do programa Harmoniza, cofinanciado entre o Concello da Laracha, a Deputación Provincial da Coruña e a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.
Ampliación das instalacións
Ademais do horario de verán, os usuarios da aula lúdica tamén estrearon hoxe as novas instalacións, que foron recentemente ampliadas nun proxecto deseñado e financiado integramente polo Concello da Laracha con fondos propios.
A actuación consistiu na eliminación de tabiques para converter nun único espazo diáfano as tres estancias nas que anteriormente se dividía a aula lúdica. Ademais colocouse un novo pavimento de corcho para unha maior seguridade dos nenos e realizáronse melloras tanto na instalación eléctrica como nas tubaxes de calefacción e nos radiadores.
José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e os edís Jesús Souto e Rocío López visitaron a aula lúdica para comprobar persoalmente o resultado das obras.











