A Audiencia da Coruña selecciona a 20 novos candidatos como xurado do caso Asunta
A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, elixiu este venres por sorteo a 20 candidatos para formar parte do xurado popular que participará no xuízo pola morte de Asunta Basterra. O acto, iniciado pouco despois das 10.00 horas, durou escasos 10 minutos e a el asistiron unicamente o avogado da defensa de Rosario Porto, José Luís Gutiérrez Aranguren, e o fiscal do caso.
O proceso de preselección repetiuse despois de que a renuncia de 20 dos seleccionados no primeiro sorteo impedise celebrar o acto de constitución do xurado e obrigase a aprazar o xuízo, inicialmente previsto entre o 23 de xuño e o 17 de xullo.
O pasado 11 de maio, a Audiencia da Coruña celebrou o sorteo para preseleccionar aos membros deste xurado popular. Daquela sesión saíron 36 nomes dos que dous non puideron ser localizados e outros 19 presentaron “recusacións e escusas” para non acudir á constitución do xurado, informou o TSXG, aínda que un deles podería participar despois do mes de agosto.
Segundo confirmou este venres Gutiérrez Aranguren, algúns destes xurados preseleccionados “alegaron escusas reais” que foron admitidas polo tribunal, como ter cargas familiares, mentres que outros se someteron a preguntas das partes tras admitir que estaban “contaminados” e tiñan unha idea preconcibida sobre a culpabilidade dos acusados.
MENOS DE 20 CANDIDATOS
As renuncias admitidas con respecto ao primeiro sorteo levarían a que o día da constitución do xurado, prevista inicialmente para o 23 de xuño, unicamente se atopasen na sala 15 dos 20 candidatos necesarios para elixir os 11 integrantes finais. Por este motivo, o tribunal decidiu realizar un novo sorteo para elixir a 20 candidatos adicionais.
Tras este sorteo, a Audiencia porase en contacto cos candidatos, que terán un prazo de cinco días para presentar alegacións ou para ser recusados se as partes consideran que xa teñen unha idea formada sobre o veredicto. O día da constitución do xurado, o primeiro do xuízo, cada unha das partes poderá rexeitar sen motivo ata a catro candidatos. O xurado estará constituído finalmente por 11 persoas.
“MOI DIFÍCIL”
O avogado defensor de Rosario Porto, José Luís Guitiérrez Aranguren, admitiu que a información solicitada no acto deste venres non lle permite saber se finalmente poderá formarse un xurado, dado que unicamente sabe “nomes” e non as circunstancias particulares de cada preseleccionado.
No entanto, lembrou que “desde o principio” do proceso sostivo que “é moi difícil” atopar xurados “sen contaminar” se estes son sinceros” ante o tribunal. “Era unha crónica anunciada”, afirmou en relación á repetición do sorteo.
Gutiérrez Aranguren confirmou que a súa defendida recibiu “fatal” a noticia do aprazamento do xuízo. “Imaxínese o que supón estar coa tensión todos estes meses e ver a luz a unha semana… e outra vez volta atrás todo”, criticou o letrado, quen lembrou que aínda que a súa defendida cumpra os dous anos de prisión preventiva este mes de setembro, a lei permite “prorrogala dous anos máis”. “Eu quero que acabe dunha vez”, concluíu.











