A asociación cultural “Cántigas e Frores” celebra o festival de fin de curso este xoves
O festival terá lugar mañá xoves día 25 de xuño ás 20.00 h. na Praza de Santa María de Lugo, e contará coas actuacións das escolas de baile, gaita, percusión, canto tradicional e acordeón, así como dos Grupos de Baile, Cantareir@s, a Banda de Gaitas e o Coro Galego da asociación.
Mañá xoves 25 de xuño de 2015, ás 20.00 horas, a “Asociación Cultural Cántigas e Frores” celebrará en Lugo o seu Festival de fin de curso, no que ademais da participación de todas as escolas da asociación “Cántigas e Frores”, que demostrarán todo o aprendido ao longo do curso, tamén actuarán os grupos de baile, cantareiras/os, a banda de gaitas e o coro galego da asociación. As escolas da Asociación cultural Cántigas e Frores están formadas por alumnos de idades comprendidas entre os 4 e os 70 anos, todos eles unidos por unha mesma afición, a paixón pola música e o baile tradicional. A Asociación Cultural “Cantigas e Frores”
sempre estivo e está vencellada á dinamización da vida cultural lucense e dende a mesma pénsase que festivais como este serven para difundir, promocionar e fomentar a Cultura Tradicional Galega, facendo que os sons dos nosos instrumentos tradicionais sexan habituais na sociedade actual.











