A área de Igualdade abre o prazo de inscrición no programa socieducativo Espazo Coeduca
O Concello de Ourense abrirá desde mañá, martes, día 16 de xuño, o prazo de inscrición no programa socioeducativo Espazo Coeduca, dirixido a nenas e nenos de 4 a 10 anos de idade, que se desenvolverá na Concellería de Igualdade, durante os meses de xullo e agosto.
O programa ten como obxectivo crear un espazo de aprendizaxe lúdica e creativa con actividades que posibiliten que nenas e nenos se sintan protagonistas do seu propio proxecto vital e lles permitan vivenciar que o feito de seren mulleres ou homes ten a mesma importancia. Un espazo igualitario de lecer, no que se desenvolverán actividades de expresión corporal e dramatización, expresión plástica e artística, e cociña creativa.
As persoas interesadas poderanse inscribir desde mañá na Concellería de Igualdade (Centro de Información Municipal ás Mulleres, na rúa do Ensino, 24), de 10,00 a 13:30 horas ou recibir máis información no teléfono 988393191. As actividades son de balde e rematarán cunha festa final cos/as nenos/as e as súas familias.











