A área de deportes e o club ciclista Ferrol organizan a 10ª Ruta de BTT Ferrolterra 2015
A concelleira de Deportes do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós, e o presidente do Club Ciclista Ferrol, Juan Martínez, presentaron hoxe na Casa Consistorial a 10ª Ruta BTT Ferrolterra 2015, que se disputará o vindeiro domingo 7 de xuño ás 09.00 horas con saída dende A Malata. Esta marcha en bicicleta de montaña, aberta a tódolos afecccionados a este deporte sexan federados ou non “ten como finalidade dar a coñecer e poder gozar das magníficas rutas e paisaxes naturais que oferce a nosa comarca para a práctica deste deporte”, manifestou a titular de Deportes.
A 10ª Ruta BTT Ferrolterra terá como punto de saída e chegada o polideportivo da Malata. Os participantes percorrerán un total de 50 quilómetros dunha dificultade física e técnica media-alta. A ruta transcorrerá principalmente polos montes de Brión, Doniños, Esmelle, Mopugá e Chamorro cunha duración aproximada de cinco horas. O número de participantes previstos pola organización rondará o de 300 ciclistas procedentes de diversos puntos da Comunidade Autónoma. A inscrición permanece aberta ata o vindeiro venres 5 de xuño ás 14.00 horas.
Dende a organización recordouse que a ruta está perfectamente marcada e que se disporá de médico e ambulancia. Tamén haberá distintos puntos de avituallamiento e reagrupación. Ao final haberá unha comida no restaurante da Feira de Mostras. A edil Martínez Galdós, felicitou ao Club Ciclista Ferrol polo éxito conseguido en anteriores edicións, o que se traduce en que cada ano aumenta o número de participantes.











