A aposta da empresa D-Due pola calidade e o deseño é clave para medrar no mercado internacional
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe na súa visita ás instalacións de D-Due en Rianxo xunto co presidente da compañía xaponesa HP France, Takanao Muramatsu, e na que tamén participou a creadora e deseñadora Charo Froján, a aposta desta empresa galega do sector téxtil pola calidade e o deseño como clave para o seu crecemento no mercado internacional.
Tal e como destacou o conselleiro, a colaboración de D-Due con HP France, que se espera reforzar con esta visita, ten permitido á compañía rianxeira xurdida dun pequeno taller familiar incrementar nun 30% as súas vendas ao exterior. Neste sentido, Froján resaltou que D-Due, cuxas prendas se caracterizan pola súa confección artesanal, leva cinco anos traballando xunto a HP France, polo que a visita do seu presidente supón para eles unha gran oportunidade para fortalecer a súa presenza no mercado xaponés, así como para xerar grandes expectativas no mercado estadounidense.
HP France conta con 90 tendas en Xapón dedicadas á decoración, a moda e o arte, e tamén distribúe os seus produtos en Francia e Estados Unidos, polo que se converte nun socio de primeira magnitude para D-Due. Esta exporta arredor do 70% da súa produción a mercados asiáticos. “Isto é unha clara visión de como para medrar, a internacionalización é unha oportunidade, e D-Due o está a facer sobre os requisitos claros do deseño, da calidade e da exclusividade dos seus produtos”, incidiu Conde.
Características distintivas de D-Due que tamén foron postas resaltadas polo presidente de HP France, quen neste contexto puxo en valor as potencialidades da marca Galicia e o seu desexo de impulsala.
O conselleiro apuntou que se espera que a visita de Takanao Muramatsu a Galicia permita que a vía de cooperación aberta con D-Due se poida extender a outras empresas galegas, e neste sentido, sinalou que no showroom da compañía de Rianxo se ten instalado un pop up con pezas de Artesanía de Galicia.
Conde sinalou que a alianza entre HP France e D-Due é un exemplo das oportunidades que a internacionalización ofrece ás pequenas e medianas empresas galegas, nas cales pon o foco a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega. Esta folla de ruta ten entre os seus obxectivos alcanzar as 8.000 empresas exportadoras en 2020, facendo das exportacións un motor de emprego e crecemento empresarial. “Imos a seguir traballando nesta dirección, a da calidade dos nosos produtos e a de achegar a Galicia novos mercados”, subliñou Conde.