A alcaldesa e dos concelleiros de Mos fixan unha subida cero nos soldos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
Pleno da organización da corporación

Pleno da organización da corporación

Esta mañá celebrouse no Pazo de Mos o Pleno de Organización da Corporación Municipal no que se deu conta da constitución de grupos políticos, integrantes e voceiros. A alcaldesa resolveu o nomeamento de Tenentes de Alcalde, membros da Xunta  de  Goberno Local e delegacións de competencias. O primeiro Tenente Alcalde é Alberto Méndez Lago, tamén concelleiro de Facenda, contratación, transparencia e deportes, e o segundo Tenente Alcalde é Camilo Augusto Martínez, edil de Coordinación de asociacións veciñais, patrimonio e servizos. Pola súa banda Óscar Soto Abadín leva a carteira de Promoción económica, emprego e novas tecnoloxías, Julia Loureiro dirixe os departamentos municipais de Urbanismo, medio ambiente e emerxencias; Luis Alonso Seijo Vías e obras, alumeado e eficiencia enerxética; Kely Monzón Otero Participación cidadá, educación e mobilidade; Cándido Pérez Rodríguez Limpeza, parques, xardíns e revalorización de espazos públicos; e Sara Cebreiro Alonso Política social, cultura, turismo, persoal e réxime interno.

En canto á proposta de recoñecemento de dedicacións exclusivas totais ou parciais destaca a conxelación do gasto en salarios dos membros do goberno municipal. O número de dedicacións seguirá a ser o mesmo: 5, e polos mesmos importes que na pasada lexislatura.

A rexedora local seguirá a cobrar 2.400 euros mensuais que supoñen un montante 33.000 euros ó ano. E os catro concelleiros con dedicación exclusiva, Sara Cebreiro, Kely Monzón, Julia Loureiro e Luis Alonso percibirán 1.500 euros ó mes que suman anualmente 21.000 euros.

Na sesión plenaria extraordinaria levada a cabo hoxe tamén se determinou a periodicidade das sesións do Pleno, que se convocará mensualmente, o último luns de cada mes ás 10.00 horas da mañá no Pazo de Mos. Pola súa banda, a periodicidade das sesións da Xunta de Goberno Local será semanal e estará integrada, ademais da alcaldesa , por Óscar Soto Abadín, Camilo Augusto Martínez, Alberto Méndez Lago, Cándido Pérez Rodríguez e Julia Loureiro Campo. 

As Comisións informativas son sete, integradas cada unha delas por 5 membros do PP, 2 de GañaMos, 2 do PSOE e 1 do BNG. En realidade a representación do goberno en ditas comisións debería de ser de 7 integrantes pero, tal e como explicou a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, “decidimos ceder eses dous postos para maior operatividade e maior aforro do Concello”. 

As sete Comisións informativas permanentes son: Promoción económica e emprego, Urbanismo e medio ambiente, Facenda e contratación, Participación cidadá, educación e mobilidade, Política social, cultura e deportes, Persoal e réxime interno e Servizos públicos e patrimonio. A periodicidade das mesmas será de unha Comisión informativa ordinaria mensual en función das necesidades do Pleno e das extraordinarias que se estimen necesarias.

22 de xuño de 2015 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.