A afección recibe con entusiasmo o deseño dos novos equipamentos do Celta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesVigo
A-
A+
Presentación do novo equipamento

Presentación do novo equipamento

O Celta presentou esta tarde no Auditorio Mar de Vigo o primeiro e segundo equipamento Adidas para a tempada 2015/2016. Os novos deseños foron recibidos con entusiasmo polos afeccionados asistentes que non deixaron pasar a oportunidade de coñecer de primeira man as pezas célticas, estreadas polos canteiráns celestes Rubén Blanco, Goldar e Kevin.

O acto, presentado polo xornalista Pepe Cadavelos, contou coa divertida actuación do humorista galego Moncho Borrajo e cun emocionante vídeo no que se repasaron algúns dos grandes momentos da tempada pasada. O espectáculo pechouse cos grandes protagonistas do acto, os novos equipamentos oficiais fabricadas por Adidas.

A primeira vestimenta, cuxa camiseta foi desvelada na despedida de Borja Oubiña en Balaídos, combina as cores tradicionais do club, celeste e branco, nunha peza de corte clásico que homenaxea o equipamento Adidas que o Celta vestiu entre as tempadas 1982/1983 e 1985/1986. Unha cariñosa chiscadela do club cara á historia céltica para comezar a celebrar as 50 campañas do Real Club Celta en Primeira División.

O segundo equipamento tamén presenta un deseño cargado de estilo, aínda que cunha combinación de cores moito máis moderna. Tanto na parte superior como a inferior xógase cunha base gris escura e detalles en vermello vivo. Ambos os equipamentos manteñen aos patrocinadores Citröen e Estrella Galicia, así como o xa tradicional trisquel na traseira das camisetas.

As pezas fabricadas por Adidas, patrocinador técnico oficial do Celta, contan cunha tecnoloxía téxtil avanzada, o sistema Climacool, que facilita a expulsión de calor e suor do corpo grazas á súa composición de fibras e á combinación de diferentes tipos de malla, situados estratexicamente para permitir que o aire circule a través do tecido.

As dúas novas camisetas estarán á venda na tenda oficial e en www.tiendacelta.com  a partir do 1 de xullo.

17 de xuño de 2015 | 20:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.