A AFAC clausura mañá as ligas de fútbol 8 nun acto multitudinario no Palacio dos Deportes de Riazor
Aproximadamente dous mil nenos, que competiron nas ligas locais e comarcais de fútbol 8 da Coruña, despedirán a presente tempada 2014-2015 no Palacio dos Deportes da Cidade Deportiva de Riazor no acto de clausura das competicións de fútbol 8 organizado pola Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña (A.F.A.C.). A AFAC premiará aos tres primeiros clasificados de cada liga local e comarcal de fútbol 8 da Coruña da presente campaña 2014-2015, e ademais entregará unha medalla conmemorativa a cada un dos nenos e nenas asistentes ao acto de clausura.
A Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña tamén sorteará entre os presentes material deportivo e inscricións gratuítas ao Campus de Fútbol AFAC de Verán. O acto de clausura e entrega de premios terá lugar mañá ás 18:30 horas, no Palacio dos Deportes da Cidade Deportiva de Riazor, que vivirá unha xornada festiva para os máis pequenos, os grandes protagonistas do acto de clausura das competicións de fútbol 8. Ao evento acudirá o Secretario Xeral para o Deporte D.Xosé Ramón Lete Lasa, o Concelleiro de Cultura, Deporte e Coñecemento D. José Manuel Sande García e o Vicepresidente do RC Deportivo D. Fernando Vidal, entre outras autoridades destacadas.
Unha vez finalizada a gran festa do fútbol 8 coruñés a AFAC porá o broche de ouro ao presente curso ás 21:30 horas coa Cea Final de Tempada no Restaurante Miradoiro de San Pedro, durante a cal se realizará a entrega de varias distincións en recoñecemento á fidelidade e traballo a favor do fútbol afeccionado coruñés a aquelas persoas propostas polos clubs con anterioridade e que recibirán a sorpresa no propio acto de clausura da campaña futbolística.











