A Adeac entrega as tres bandeiras azuis de Vilagarcía este mediodía
O alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, e o concelleiro responsable de Emerxencias e Protección Civil, Benito Pérez Dorgambide, desprazáronse esta mañá ata Ribeira para participar no acto central de entrega das bandeiras azuis que cada ano concede a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) ás praias, instalacións e servizos que se distinguen pola súa calidade. Vilagarcía conta este verán con tres distintivos: os das praias do Preguntoiro (Vilaxoán) e Campanario (Bamio) e o do Centro de Interpretación da Ría de Arousa (CIRA).
O acto central organizado pola Adeac para entregar as bandeiras azuis concedidas na comunidade galega celébrase a partir das 12 do mediodía no Club Náutico Deportivo de Ribeira.
As bandeiras azuis son un símbolo e un estándar mundial de eco calidade turística, recoñecido e apoiado polos organismos das Nacións Unidas. A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) é o organismo autónomo e independente que se encarga a nivel mundial de comprobar se os areais e instalacións cumpren cos requisitos de calidade e servizos que se precisan para obter o galardón e de concedelos anualmente.











