340.000 euros para as obras de integración urbanística e dotación de novos servizos no campo federativo de Coia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVigo
A-
A+

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou esta mañá un investimento de 340.000 euros para as obras de integración urbanística e dotación de servizos no campo de fútbol federativo de Coia. O proxecto ten un prazo de execución de tres meses; transcorrido este prazo o complexo estará operativo para a práctica deportiva.

O pasado mes de marzo anunciouse a ampliación do proxecto de remodelación inicial coa construción dun novo edificio de tres plantas que se converterá na nova sede da delegación viguesa da Federación Galega de Fútbol.

Este inmoble exterior, segundo o presidente da Deputación, Rafael Louzán, será edificado en terreos da Federación Española de Fútbol e terá un destino múltiple. Por unha banda, servirá de nova sede para a delegación de Vigo da Federación Galega de Fútbol; pola outra, albergará a Mutualidade de Deportistas para toda a área de Vigo; en último termo, usarase tamén como sede para o Colexio de Árbitros.

O estadio federativo de Coia é o máis utilizado de Vigo, cunha rotación superior ós 35.000 deportistas ó ano. As novas bancadas terán capacidade para 2.000 persoas sentadas.

A reforma integral, cofinanciada pola Deputación e a Federación Española de Fútbol, incluíu a renovación do terreo de xogo, cunha nova capa de céspede artificial e unha rede de rega mediante canóns de longo alcance; tamén a reposición total dos cables e dos focos; a colocación de redes recollebalóns e a construción do bordo e a varanda perimetral do campo; ademais do equipamento deportivo necesario, coma porterías, marcadores ou xogos de bandeirolas.

Nos vestiarios, que presentaban unha grave deterioración, substituíronse os acabados interiores e a carpintería exterior, dotáronse os aseos de portas e anteparos de baño e cambiouse a totalidade das pezas de billame e elementos sanitarios.

En canto ás bancadas os traballos permitiron non só impermeabilizalas e reparalas senón recubrir a zona de asento, que carecía de teito. Na zona xa protexida reparáronse os danos. A localización da cantina modificouse e ó seu lado construíronse dous aseos para persoas con discapacidade.

Ó mesmo tempo reformáronse os dous aseos públicos existentes e construíronse outros dous novos no antigo almacén. Por último, reparouse a totalidade do peche perimetral na instalación.

5 de xuño de 2015 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.