Zona Franca de Vigo e Sanidade cofinancian a subministración eléctrica do novo hospital vigués

Rocío Mosquera na sinatura do convenio co Consorcio da Zona Franca de Vigo
A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, en representación do Servizo Galego de Saúde, asinou hoxe un convenio de colaboración co Consorcio da Zona Franca de Vigo para cofinanciar as obras de subministración eléctrica comúns para ambas as dúas partes.
En representación do Consorcio da Zona Franca de Vigo asinou o contrato a delegada especial do Estado neste organismo, Teresa Pedrosa.
Estas obras, que afectan aos terreos do Novo Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e á ampliación do Parque Tecnolóxico e Loxístico, permitirán acadar un notable aforro de fondos públicos para os dous interesados.
Esta acometida, que debía ser executada polo Concello de Vigo -tal como se tivera comprometido o consistorio nun convenio do ano 2006-, é financiada por Sanidade e o Consorcio da Zona Franca de Vigo coa fin de que o Novo Hospital de Vigo poida dar servizo aos 600.000 cidadáns da cidade olívica e a súa área de influencia no prazo previsto.











