Xuventude organiza un campamento de verán para nenos no centro de educación ambiental Equal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Concellería de Xuventude do Concello de Ourense organiza un campamento de verán para nenos/as e rapaces/zas, no centro de educación ambiental e albergue xuvenil Equal (Sociedade Cooperativa Galega) sito en A Barra, Coles.

A concelleira María Devesa e a presidenta de Equal, Amparo Vázquez, presentaron esta actividade, englobada na campaña de ocio e tempo libre da Concellería de Xuventude. Está destinada a menores de entre 9 e 14 anos de idade, e contará con dous turnos de cinco días cada un, de luns a venres, durante a semana do 13 ao 17 de xullo e a semana do 20 ao 24 xullo, de 9:00 a 18:30h.

O campamento está deseñado para que nenos e nenas podan desfrutar do tempo de lecer que lles outorgan as súas vacacións escolares participando en actividades creativas e de achegamento á natureza.

Desenvolveranse actividades diarias de carácter lúdico e formativo nas que a comunicación, as habilidades sociais e as relacións entre iguais a través do xogo, o teatro e a interacción coa natureza serán os elementos que favorezan a diversión, a convivencia e a cooperación. Tódolos días haberá unha actividade ecuestre, piscina, xogos cooperativos, e obradoiros (de teares, teatro, xabóns e pasta de dentes, reciclaxe, manualidades e elaboración de pan multicereais). Tamén haberá unha saída didáctica ao centro de recursos zooxenéticos de Galicia, pazo de Fontefiz.

A Concellería de Xuventude abrirá mañá, mércores, 27, o prazo para presentar as solicitudes por parte de nenos/as e mozos/as que desexen optar a unha das 44 prazas disponibles para este campamento de verán. Con todas as solicitudes presentadas realizarase un sorteo público o día 11 de xuño. As persoas interesadas neste campamento poden realizar a inscrición ou solicitar máis información na Oficina da Información Xuvenil do Concello de Ourense, sita na Praza de San Martiño nº 2, baixo dereita, teléfono 988 38 81 54.

27 de maio de 2015 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.