Xurxo Chirro estrea en Falamedesansadurnino.org a súa terceira entrega do Chanfaina Lab

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Por terceira vez o cineasta, crítico e historiador Xurxo Chirro volve sorprendernos co seu particular xeito de mirar e de crear sobre o que mira. Faino coa terceira curta elaborada para a Chanfaina”lab, despois de “Ao Patadón” e “Cartas de Conquista”, estreadas hai algunhas semanas en falamedesansadurnino.org. Nesta ocasión, o filme “Teleclube” resposta a unha petición expresa da organización da Chanfaina”lab para que realizase unha peza na parroquia de Lamas. Xurxo, afeito a todo tipo de imprevistos e traballar con medios limitados, tirou dun dos fíos cos que tece moitos dos seus filmes: os espazos da memoria social analizados dende o presente.

Para o autor non é algo novo. De feito, a eloxiada “36/75” gravouse nos espazos da sublevación militar e represión no seu pobo, A Guarda. Xurxo escolleu o histórico teleclube de Lamas -fundado en 1969 na casa de Severino- para reflectir a evolución dese edificio, dende a flamante inauguración ata a o abandono e a rúína no que vive hoxe. 

Un espazo que reflicte tamén a evolución do lecer de boa parte da sociedade galega durante os últimos cincuenta anos. “Como era unha encarga e non coñecía ben o lugar, deixeime dominar polo propio espazo e xoguei coa elipse e o material de arquivo dispoñible -basicamente fotografías e audios- e pequenos fragmentos que contasen a evolución da TV ata o fin do teleclube coa “neve”, que é a abstracción total”.

“Teleclube” pretende ser unha invitación á lembranza, á evocación case nostálxica deste espazo de socialización que de igual xeito que o seu irmán, o teleclube de San sadurniño, tiveron unha gran incidencia na memoria colectiva de moitos veciños e veciñas de San Sadurniño. 

O Chanfaina Lab no Ateneo

Paralelamente ás estreas, o Chanfaina Lab continúa a súa campaña de presentacións fóra de San Sadurniño. Este martes 5 a partir das 19.00h., o Ateneo Ferrolán -Rúa Magdalena 202-204- organiza unha sesión na que se proxectarán os filmes deste proxecto audiovisual desenvolvido no concello en setembro do ano pasado. A entrada é gratuíta.

4 de maio de 2015 | 12:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.