publicidade hoxe

Xunta e Monte Real Club de Iates colaboran para achegar o mundo da vela a persoas con discapacidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaDeportes
A-
A+

A Xunta de Galicia e o Monte Real Club de Iates colaboran para achegar o mundo da vela a persoas con discapacidade. Ata final de mes, a Consellería de Traballo e Benestar, a través da Secretaría Xeral de Política Social, organiza un programa de vela adaptada nas instalacións do histórico club baionés.

A iniciativa, na que participarán 15 alumnos e alumnas do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Redondela, ten como principal obxectivo mellorar a calidade de vida e benestar destas persoas a través da súa participación nunha actividade lúdico deportiva. 

Os alumnos e alumnas poderán achegarse ao mundo mariño, aprender técnicas de navegación e descubrir a variedade da flora e fauna da bahía de Baiona cos adestradores de Escola de Vela Adaptada do Monte Real.

O programa, que incluirá sesións teóricas e prácticas, desenvolverase ao longo de tres semanas, con cinco xornadas de actividade por semana, de luns a venres. Tras unha sesión inicial na que se familiarizarán coas nocións básicas dun barco de vela (tipos de embarcacións, partes do barco, nós, seguridade…), os alumnos e alumnas sairán a navegar pola bahía, onde realizarán as súas primeiras prácticas de vela e actividades de recoñecemento da contorna. 

O Monte Real Club de Iates conta, desde hai anos, con instalacións adaptadas para que persoas con todo tipo de discapacidades, tanto físicas como intelectuais, poidan practicar vela en igualdade de condicións. A eliminación de gran parte das barreiras arquitectónicas das súas instalacións e a adquisición de barcos adaptados para persoas con discapacidade permitiulle ao Monte Real converterse, o pasado ano, no único club náutico español en recibir unha distinción especial da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) polo seu traballo de integración social. 

A posta en marcha da súa Escola de Vela Adaptada foi un dos grandes pasos dados polo club para achegar o mundo da vela ás persoas con discapacidade. Nun primeiro momento, a escola prestou servizo a asociacións e agrupacións do Val Miñor,Tomiño e A Guarda, pero na actualidade está a expandirse co obxectivo de poder ofrecer cursos de navegación adaptada a centros de toda Galicia. 

18 de maio de 2015 | 13:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.