publicidade hoxe

Xunta e Concello de Pantón asinan a execución de beirrarúas na zona do Curro cun investimento de 37.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPantón
A-
A+
Ethel Vázquez na sinatura do convenio co alcalde de Pantón

Ethel Vázquez na sinatura do convenio co alcalde de Pantón

A consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez Mourelle, e o alcalde do concello lucense de Pantón, José Luís Álvarez Blanco veñen de asinar o convenio para a construción de beirarrúas na zona do Curro, en Ferreira de Pantón.

A actuación, enmarcada no Plan Hurbe, suporá un investimento de preto de 37.000 euros por parte do departamento autonómico, que prevé comezar as obras nas vindeiras semanas.

A beirarrúa sobre a que se vai actuar non dispón de ancho suficiente, atópase a mesma altura que o resto da calzada e non dispón de ningunha medida de protección. Ademais, o tramo no que se desenvolverá a actuación sitúase nunha curva previa a un cruzamento e con escasa visibilidade. O feito de que se atope en mal estado supón un perigo, tanto para os turistas como para os propios habitantes da zona.

Os traballos a executar consisten na demolición da lousa existente, disposición de base firme de pedra e pavimento de lousas de granito con remate de bordo de granito fino. Executaranse ademais a reparación do muro de mampostería e rego asfáltico.

A parroquia de Ferreira sitúase próxima á Ribeira Sacra, a medio camiño entre Ourense e Monforte, o cal lle confire unha posición estratéxica a efectos de potenciar o seu atractivo turístico baseado na riqueza patrimonial do conxunto do concello de Pantón e especialmente o mosteiro, auténtico foco de atracción para os visitantes que buscan contido cultural e patrimonio arquitectónico e paisaxístico.

Por estes motivos faise necesario que a zona se atope nunhas condicións mínimas de seguridade para poder ser transitada sen ningún tipo de risco.

O tramo de beirarrúa que discorre a través do núcleo urbano de Pantón na zona do Curro, é paralelo a antiga N-120 na súa marxe dereita conectando ca zona do mosteiro cisterciense das Bernardas e coa praza do Curro. Precisamente nesta zona do mosteiro a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de finalizar unha intervención de mellora da contorna cun investimento de 750.000 euros.

En virtude do convenio asinado, o concello de Pantón comprométese a poñer a disposición da Consellería de Medio Ambiente os terreos necesarios, libres de carga e gravames e co réxime urbanístico adecuado, para a execución das obras, así como a reposición de servizos e servidumes.

20 de maio de 2015 | 12:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.