Xornadas de convivencia en Nigrán organizadas pola Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama

Susana López Abella nas xornadas en Nigrán
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na inauguración da ‘II Convivencia en feminino: Saúde entre mulleres’, que organiza esta fin de semana a Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama, ADICAM.
No acto, que se celebrou na Residencia de tempo libre de Panxón, López Abella agradeceu o traballo “impagable” de ADICAM e animou ás participantes a “seguir mirando de fronte ao futuro, con coraxe e superación”.
A secretaria destacou o traballo do asociacionismo feminino e de xornadas para compartir experiencias como a de hoxe, cuxa principal finalidade é que a muller retome o “dereito a coidar de si mesma” e non só dos demais, como se viña facendo tradicionalmente.
A experiencia, explicou, contribuirá a paliar dúas das principais eivas que se teñen detectado á hora de afrontar a enfermidade: que ningunha muller se sinta soa e desorientada e, sobre todo, normalizar a percepción que existe na sociedade sobre o cancro de mama.
Catorce anos de traballo
ADICAM naceu en Cangas no ano 2000 coa finalidade de fomentar o desenvolvemento do apoio social e a axuda mutua para conseguir que as mulleres afectadas polo cancro de mama teñan unha mellor calidade de vida e benestar. O seu traballo xira ao redor de tres áreas fundamentais: información e sensibilización, asistencial e prevención.
O cancro de mama representa o tipo de cancro máis frecuente na muller, cunha incidencia anual de máis de 26.000 casos no conxunto de España, o que se traduce no 30 por cento de todos os tumores femininos.











